Catro novos Bos e Xenerosos para a tribo dos que «a nosa voz entenden»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A praza do Quinteiro, co mural de Yoseba MP en marcha, albergará algúns dos actos do Semente Festiletras
A praza do Quinteiro, co mural de Yoseba MP en marcha, albergará algúns dos actos do Semente Festiletras Ana García

A entrega dos premios integrará o «Semente Festiletras» deste 17 de maio, unha completísima xornada con actividades da mañá á noite

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ningunha semente prospera se non hai coidados, mais a das Festiletras saíu adiante rexa. No Couto, Ponteceso, festéxanse as Letras Galegas dende moito antes de que na Costa da Morte houbese case cita algunha, e este 17 de maio non ía ser menos. A Fundación Eduardo Pondal deseñou pra o sábado unha xornada, Semente Festiletras, inzada de actos de mañá á noite, e un dos centrais, ás 19.00 horas, na sede da entidade, será a entrega dos Premios Bos e Xenerosos, concedidos este ano a Leilía, Agrupación Folklórica Aturuxo, Milladoiro e Antón Santamarina. Recibirán os seus galardóns da man dalgúns dos meirandes representantes da cultura galega.

A Ana Rodríguez, unha das fundadoras de Leilía, non lle pasa desapercibido que este ano «todos estamos vinculados coas cantareiras e pandeireteiras». Unha confluencia «preciosa» neste 2025 no que a literatura oral, a través das cantareiras, é honrada pola Academia. «Agradecidísimas, son como as pedriñas que se foron poñendo para conformar este camiño que cada vez é máis ancho e goza de máis saúde e recoñecemento», di. Agora que en Leilía andan escribindo memorias —como banda de pandeireteiras que abriu horizontes no 89 e que hai nada dixo adeus aos escenarios—, Ana é aínda moito máis consciente do papel que xogaron Aturuxo, Milladoiro ou Santamarina: «Vou pasmar mirando para el», ri. Recollida, respecto e atención ao noso: todo iso comparten. As memorias chegarán para setembro: están sendo unha viaxe pola memoria e o tempo.

MARCOS MÍGUEZ

«Estou algo sorprendido, porque non sei se merezo tal recoñecemento, pero ao mesmo tempo non podo menos de manifestar o meu agradecemento a quen considerou que eu cabía na tribo dos que ‘a nosa voz entenden’. Compráceme ademais moito compartir esta honra con quen tanto fixo por revalorizar a nosa música tradicional, Milladoiro, Leilía e Aturuxo. Sei que non se poden dar premios póstumos, pero no que se refire á música popular, se algún día se desen, habería que outorgarllo a unha persoa que non era da tribo, pero que merecería o título de boa e xenerosa con máis méritos que moitos galegos, incluído eu: Dorothé Schubarth», asegura do seu lado o académico Antón Santamarina, piar do Cancioneiro popular galego.

Marcos Míguez

Como «satisfacción» logo de 70 anos de traballo de Aturuxo é como valora Isabel García Quintela, presidenta da agrupación, este galardón. Teñen un ano intenso, son moitos os que queren saber desas Vellas de Mens que botaron con eles vinte anos e que as Letras homenaxean: «Cadrou ademais co 70.º aniversario, xuntouse todo». Para este domingo teñen no Teatro Rosalía, de feito, un festival. Investigación cando non se facían recollidas, recuperación de bailes e espallamento da cultura galega dentro e fóra as fronteiras deste país son parte do legado de Aturuxo, con nomes históricos nas súas filas como Sebastián Martínez ou Francisco Vales. «Que alguén recoñeza todo isto é unha ledicia moi grande», asegura tamén García Quintela.

Xoán A. Soler

Dende o 1979 fundacional, moito camiño ten percorrido Milladoiro. Nunca buscaron premios, mais téñenos ben importantes, e este recíbeno con agradecemento, explicaba este mércores Moncho García. A súa discografía delata unha querenza por Bergantiños —máis ala de que o técnico, José Manuel Tasende, sexa carballés—, como tamén a tiveron coa incorporación de pandeireteiras, pioneiros con Eva e Engracia Castiñeira, e logo con moitas outras: «Encantados de que este ano se focalizase nelas».

Agradecemento para aqueles que suman apoio e esforzo a un encontro de raíz

As Festiletras naceron na aldea do Couto no ano 1982. «Como un espazo para todos, un reflexo da nosa tradición cultural», inciden. Un encontro visibilizador de talento: algúns dos grandes nomes da cultura galega ofreceron aquí algunhas das súas actuacións. Esta Semente Festiletras será a celebración do 17 de maio («a meirande en Galicia», ten dito Xosé Neira Vilas), e para facela posible é precisa a suma de moitas vontades. Así, a organización, asumida pola Fundación Eduardo Pondal, ten nesta ocasión a destacado apoio da Deputación da Coruña, mais tamén do Concello de Ponteceso e da Xunta de Galicia, neste último caso a través dos obradoiros de artesanía a cargo de Elena Ferro e Sanín. Tamén a Fundación Juana de Vega suma colaboración a través do proxecto O Couto Florido e, dende o ámbito privado, Cervezas Alhambra, Choiva Viños e Conservas Calvo.

Sanín Percusión e Huis Clos Interiorismo, con sede en Ponteceso e Lorena Feijoo e Rafael Castro á fronte, están detrás da decoración.

«Contra vento e marea», durante os últimos catro decenios, veñen labrando historia nas Festiletras, e nese saír ben, nese medrar da semente, ten moito que ver o traballo coa canteira e a mobilización da veciñanza. Nestes últimos días, calquera que pasase polo Couto terá visto a unha boa cantidade de xente dándolle unha nova faciana á aldea e colaborando na instalación de mobiliario necesario para recibir e acoller este vindeiro sábado a quen se achegue á festa.

O PROGRAMA: TODO, O SÁBADO 17 DE MAIO

10.30 horas. No salón de actos da Fundación, pregón de Fina Casalderrey: «Lembrando a Alba de gloria de Castelao».

11.00 horas. Obradoiros. Na lareira da Fundación, interpretación de pandeireta con Suso Vaamonde. No primeiro andar, construción de pandeiretas con Sanín. No salón de actos, palestra de Letras con Xabier Díaz. Na Praza do Quinteiro, baile tradicional con Olga Kirk. No cabanote, cestería con O Son das Varas.

11.30 en adiante. No Quinteiro, exposición e venda de artesanía e libros en galego.

12.30 horas. Conversa en torno ás músicas de raíz con Xabier Blanco (Fundación Legar), no salón de actos da Fundación.

12.35 horas. No Tornarratos —o cabazo da Fundación—, letras maridadas con viño a cargo da empresa Choiva Viños.

13.00 horas. Inicio dun roteiro teatralizado pola aldea a cargo de Yago Espasandín. Durante o percorrido quedará inaugurado o mural «Cantareiras», de Yoseba MP. Tomou como base un cadro de Fernando Álvarez de Sotomayor, do que este 2025 se cumpren 150 anos do seu nacemento.

Ana García

13.00 horas. Foliada infantil, na Praza do Quinteiro.

14.30 horas. Sesión vermú con Bestas, na Carpa das Letras.

15.00 horas. Tamén no Quinteiro, xogos tradicionais co Museo Etnolúdico, o Melga pontecesán.

16.00 horas en adiante. No cabanote da Fundación, obradoiro de coiro e zocos a cargo da artesá Elena Ferro.

16.30 horas. No Tornarratos, «Como contar un conto», con Beatriz Campos.

17.00 horas. Cova Céltica no salón da actos da Fundación arredor de libros publicados estas Letras, así como das recollidas feitas en Galicia. Coordina a xornalista e escritora Marta Villar, e participan Domingo Blanco (Poesía popular galega), José Manuel Fernández Pensado (As Vellas de Mens), Antonio Reigosa (Galicia encantada), Xosé Manuel Varela (Cantareiras e Pandeireteiras) e Patricia Blanco (As voces da terra).

18.30 horas. Na igrexa de San Tirso de Cospindo, misa en galego cantada por Irma Macías e Luís Pinto. A asociación cultural A Fuliada interpreta o Himno.

18.50 horas. No monólito pondaliano do adro da igrexa, ofrenda floral colectiva. Interpreta o Himno a Coral Oliveira de Monte Branco; A Fuliada, a «Marcha do antigo reino de Galicia».

19.00 horas. No salón de actos da Fundación, entrega dos Premios Bos e Xenerosos. Acompaña ao saxo Blanca Represas, e pechará Irma Macías.

20.00 horas. Na Eira, actuación da asociación A Fuliada.

CÉSAR GÓMEZ

21.00 horas. Na Carpa das Letras, concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e de Catuxa Salom. Esta é a única das propostas para a que se require entrada. Dúas voces imprescindibles da música galega.

as respostas básicas

Onde é Semente Festiletras? Na Aldea do Couto, con actividade repartida por distintos puntos, dende prazas a rúas ou a sede da Fundación Pondal.

Precísase entrada? Só é necesario ter entrada para o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Catuxa Salom. O resto do programa é de balde.

Quedan entradas para Xabier Díaz e Catuxa? Un pequeno cupo delas poranse á venda na billeteira dende as 11.00 horas, ata rematalas. O resto xa foron vendidas de xeito anticipado.

Que tipo de artesanía haberá este sábado? 22 artesáns dende toda a comunidade: serigrafía, xoiaría, coiro, olería, xoguetes, madeira, pintura, libros...

E para xantar? Hai Zona Gastro, 12 horas de servizo para o Semente Festiletras: polbo á feira, churrasco, hortalizas á brasa...