
Festiletras do Couto | Por diante, a derradeira xornada do festival con nomes como o de Fran Sieira, Ortiga, Baiuca ou Boyanka Kostova
24 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Houbo que pórse á sombra, pois esa choiva pola que tanto claman os pinos de Pondal aínda demora en chegar, pero a primeira xornada das Festiletras do Couto non defraudou. Artesanía do máis variado e os xogos de Miudiño —que divertiron tanto a nenos como a adultos— inauguraron a solleira xornada sabatina, que contou cun público moi familiar que puido gozar de propostas como os contos de Vero Rilo, a música de Eris Mackenzie ou un novo encontro de Aldeas Singulares no que se puxeron en común ideas para revitalizar o rural.

Moita repercusión tivo tamén o concerto de De Ninghures, primeira actividade de pago do cartel. Á vista da afluencia lograda nesta primeira sesión vermú, dende a Fundación Eduardo Pondal agardaban para hoxe cifras históricas de asistencia. Ademais, semella que as temperaturas serán máis agradables que as rexistradas onte.
Fixo pleno así mesmo —de público e de gargalladas— o mestre das palabras Carlos Blanco, que preparou o terreo para a apoteose final da xornada. Dulzaro, Zetak e Caamaño&Ameixeiras: voces castelás, vascas e galegas que levantaron ao Couto en festa. Xa avisaba a dupla formada por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras por redes: ía ser un concerto especial, polo que a aldea pontecesá ten suposto para elas e para a súa carreira musical. Así foi.
Son moitas as formacións, artistas e bandas emerxentes que ten apoiado este «milagre» pondaliano nos últimos corenta anos. Máis tal labor de semente e colleita cultural non sería posible sen a boa man de colaboradores que cada ano pon o seu gran de area para a celebración desta cita. Desta banda foron a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Ponteceso, o Consello da Cultura Galega, Alhambra, Terras Gauda, Finsa, Deleite, Mola Arquitectura, Grupo Malasa e Choiva Viños.
Ao longo destas xornadas, os asistentes non só poderán gozar de música, obradoiros e demostracións, xogos, postos de artesanía ou exposicións fotográficas. Omar Rabuñal, director cunha fonda vinculación co Couto, está estreando tamén a súa última produción audiovisual: Saberes, unha peza na que se recolleron as experiencias vitais de varias persoas maiores do entorno.
Bo e Xeneroso de Honra para o eterno Kepa Junkera
O momento de maior emoción da xornada foi sen dúbida a entrega do Bo e Xeneroso de Honra ao acordeonista vasco, mestre da trikitixa, Kepa Junkera, co que a Fundación Eduardo Pondal acumula anos de entrañable relación.
Kepa, que logo do ictus sufrido no 2018 ten dificultades de comunicación, valeuse da intelixencia artificial para expresar a súa gratitude, dicindo que O Couto —«aldea irrepetible»— sería un bo lugar «para quedar», e que Galicia o ten «marcado» moito. Polo seu expreso desexo, o empresario local e gran amigo seu Pepe Formoso deu tamén lectura ás súas palabras, agradecendo aos profesionais que fixeron posible esa intervención por IA. Ese momento, dixo, queda xa gravado «na historia das Festiletras».
«Nun ano tan especial para o noso pobo, no ano das cantareiras, queriamoslle dar este recoñecemento a Kepa. Para ti, para sempre, Bo e Xeneroso no Couto», expresou pola súa banda Xosé María Varela, da Fundación.
O tributo de Pulpiño de Viascón completou o emotivo acto de entrega.
Axentes dinamizadores do rural tomaron parte no encontro de Aldeas Singulares
A poucas horas de recoller en Laxe o seu flamante premio de poesía Antón Zapata, a vimiancesa Natalia Lema moderaba no Couto unha nova sesión do proxecto Aldeas Singulares, no que tomaron parte voceiros de proxectos de gran interese para a revitalización do rural.
Por parte da Asociación de Veciños de Puxedo de Lobios acudiu Pablo Rodríguez, que falou da recuperación do proceso de elaboración tradicional do pan na súa vila, así como de iniciativas que os veciños teñen impulsado a título particular para rematar co feísmo.
Puri Soto, arqueóloga que dirixe as escavacións en Montes Claros, destacou a necesidade de divulgar e achegar aos veciños a relevancia que teñen os castros. Segundo dixo, o da Laracha podería ser «a nova Cidá de Borneiro».
Interviñeron tamén o contador chantadino Anxo Moure, que afondou no proxecto Cinema Palleiriso e na educación ambiental dos máis pequenos, e José Pérez, da Fundación Brandomil, que compartiu cos presentes a historia da entidade e a recente apertura dun punto de información no xacemento romano.
Continuou a xornada da man de Nuria Freire, da Fundación Juana de Vega, que falou do proxecto que están a desenvolver precisamente na aldea pondaliana: O Couto florido, unha iniciativa para dignificar espazos en colaboración cos axentes locais. O escritor Jaime Izquierdo, pola súa banda, fixo fincapé nun asunto de rabiosa actualidade, os lumes forestais: crear aldeas funcionais, dixo, é a mellor prevención, pero para iso son necesarias «políticas reais».
Dende Corcubión, José Manuel Romero falou das accións que están a levar a cabo na parroquia da Redonda, como xornadas de divulgación, feiras ou simulacros.
O programa deste DOMINGO 24 DE AGOSTO
11.00 horas (entrada libre)
- Feira de Artesanía
- «Os animais da granxa de meu avó»: Gloria Mosquera
- Xogos e talleres con Miudiño
- Animación a cargo de Anxo Moure
12.00 horas (entrada libre)
- Na rúa Travesa, espectáculo para público infantil e familiar a cargo de Paco Nogueiras: «Brinca, vai!». Mediodía para todos os públicos na aldea do Couto.
13.00 horas (entrada libre)
- Na Eira de Pailetes, concerto de Abril: Claudia Abril (voz y percusión), Marina Carpente (violín y voz) y Antón Lago (guitarra y voz). Raíz galega e ibérica con outros xéneros.
14.30 horas (entrada de pago)
- Na Eira da Fundación, concerto de Ortiga. Un xeito totalmente diferente e propio de achegarse a ese mundo que tanto gusta en Galicia, o das verbenas.
16.00 horas (entrada libre)
- No Espazo Deleite, concerto da banda Escuchando Elefantes: un dúo de folk-rock formado polos Silvia Rábade e Carlos Tajes, este con vínculos á vila de Camelle.
16.30 horas (entrada libre)
- Na Casa de Xan da Vella, Ronsel de Sabores.
- Na Praza do Quinteiro, nova sesión de xogos e obradoiros para público familiar a cargo de Miudiño.
17.00 horas (entrada libre)
- Na rúa Travesa, «Contos e lerias», a cargo de Vero Rilo. Unha nova quenda para a narración oral e as contadas. Contos da tradición oral, historias de vida...
18.00 horas (entrada libre)
- X. Manuel e Icía Varela: «Matilde de Limiñoa».
- Mamá Cabra e Aurora Artes: «O bosque»
- Pasacabanotes: Donaire.
- Zanqueira V. Rivas
20.00 horas (entrada libre)
- Na Praza do Quinteiro, con Fran Sieira, espectáculo «Ceibe»: danza. Bailador dende que era un neno.
- Na Eira de Pailetes, karaoke con Esteban.
21.30 horas (entrada de pago)
- Na Eira da Fundación, concerto de remate das Festiletras 2025 a cargo da banda Boyanka Kostova e do artista Baiuca. Revolución na música galega.