Emotiva Festa Mariñeira de Santa Mariña de Niñóns

Gabriel Varela Pose

PONTECESO

ADRIÁN RODRÍGUEZ

Foi un antídoto, aínda que efémero, contra o decaemento e a tristura dos lumes

27 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A II Festa Mariñeira de Santa Mariña, en Niñóns, Ponteceso, deste agosto coa que nos agasallou a Asociación Cultural Nosa Señora do Faro foi un antídoto, aínda que efémero, contra o decaemento e a tristura que levamos enriba a maioría de nós. Xornada que nos levou a esquecer por uns intres os lumes que nos queiman. Traxedia que leva demasiados días machucándonos, sen tregua, que o mesmo xorde ao norte ca ao sur, que non coñece dereitas nin esquerdas, que queima o presente e emborralla o futuro.

Foi unha celebración lúdica e gastronómica emotiva por varias razóns. Por organizarse nunha paraxe excepcional dentro do mar de Niñóns, na Eiroa, e dentro dela, nas casetas de pescadores que amosan un encanto especial, reconvertidas hoxe en lúdicos fins de semana. Levan, ademais, o nome de Santa Mariña, igual que a rampla, que é coñecida por portiño de Santa Mariña, místico nome que invoca a esta santa e á capela onde era venerada polos nosos devanceiros, séculos atrás.

Con pregón incluido

Se a primeira Festa Mariñeira fora ensaio, a presente sorprendeu polo seu elaborado formato. En cada caseta colgaba un pequeno letreiro co anuncio do prato que con peixe ou marisco ofrecía. Acudías así, directamente, á degustación que querías.

Na entrada do portiño dispúxose unha carpa coas correspondentes mesas, unha pequena cantina e amplo aparcadoiro. Unha posta en escena ben lograda na que non faltou o pregón da man do tenente alcalde de Ponteceso, Juan Ramón Vidal Torrado.

A recompensa deste traballo foi a boa resposta da xente, que chegou a degustar as diferentes elaboracións, ofrecidas polas cociñeiras, que son outra parte dentro da asociación que sempre sorprenden para ben. Agardamos que a próxima edición sexa igual de fermosa. O sitio onde se celebra ben o merece e, tamén, se mo permiten, para que quen non viñera este ano acuda, para que saiba o que é desfrutar de boas viandas nunha idílica paraxe.