
A Casa da Cultura acolle esta noite o inicio dos actos conmemorativos
23 oct 2015 . Actualizado a las 17:13 h.Con motivo da celebración do 50 aniversario, o Soneira SD organizou para hoxe ás nove da noite na Casa da Cultura de Vimianzo a gala de apertura dos actos de conmemoración. A estrutura ideouse pensando nun partido de fútbol: a duración será de 90 minutos en 2 partes diferenciadas por un pequeno descanso e como non, dirixida por un colexiado que marcará con man firme, os tempos, presentada por Xabier R. Blanco, periodista de profesión (colaborador habitual en distintos xornais e autor da biografía de Amancio Ortega e Rosalía Mera) e futbolista de vocación (xogou no Soneira na súa etapa xuvenil e formaría parte do equipo que gañou a Liga da Costa no 2005).
Como é lóxico, 50 anos son moitos anos, polo que en 90 minutos non se pode resumir a historia dun club. Por iso a organización intentará chegar aos 3 pilares de todo equipo de fútbol que son afección, directiva e plantilla, representándoas na figura do socio máis antigo (afección), antigos presidentes (directiva) e os equipos que gañaron a primeira liga e a primeira Copa (plantilla).
O tributo como socio máis antigo corresponde a Manuel Álvarez Pazos, máis coñecido como Vía Rápida, pai do que xa fora xogador do Soneira: Ricardo Álvarez, e avó dos xogadores actuais Alberto e Richi. Un luxo contar cunha persoa que representa a historia viva do club.
Como presidente pasaron 16 nomes propios: Pose foi o fundador e seguiron Jesús, Pepe do Castillo, Villar, Lavandeira, Capitán, Toñito Cundíns, Emilio, Roget, Luciano, Pereira, Soto, Juan Luis, Juan, Logito e o presidente actual, Antonio Espasandín.
Á hora de escoller a representación da plantilla, os elixidos foron os equipos da tempada 66/67 e 08/09, que gañaron a primeira Liga e primeira Copa da Costa.
Naquel equipo da 66/67, destacaba a gran presenza de xogadores fisterráns que xunto ao combinado de futbolistas locais, acabaron gañando a primeira Liga para o Soneira. Formaban parte Ángel Luis, Gelucho, Negro I, Ricardo, Coné, Robusto, Vaquero, Gerpe, Italia, Fonseca, Marcote, Moncho, Negro II, Frutos, Pepiño Mouzo, Perucho e Cachán.
O que gañara a primeira Copa da Costa, estaba adestrado polo míster actual Manolito, e axudado no banco por Santi, que ao longo da competición copeira, dispuxeran de Fran, Martín, Matías, Taibo, Alberto, Vecino, Víctor da Seat, Pablo Vigo, Chuchi, Quilmes, Ferreiro, Fran de Urroa, Jemisa, Míchel, Esteban, Darío, Pichi, Vituco, Javi, Dieguito, Víctor García, Jorgito, Kike Paluca e Pastoriza.
Pero ademais de ter un oco para o recordo, esta gala pretende dar a coñecer o Soneira de hoxe, e teremos a presentación dos equipos actuais, a presentación do merchandising oficial do 50 aniversario, estrearemos o vídeo da campaña de captación de socios, presentaremos as actividades para esta tempada, teremos a actuación en directo de Os Fugaos -que interpretarán o o himno do Soneira- e moitísimas sorpresas máis que de seguro, farán que sexa unha tarde de reencontros e moito sentimento, non só para a familia do Soneira, senón para o fútbol da Costa en xeral. Por isto facemos unha invitación aberta a todo aquel amante do fútbol da Costa para que xuntos, poidamos facer inesquecible esta noite na que repasaremos 50 anos de coraxe irmandiña.
Francisco Miñones Bermúdez, Fran D?Urroa é o capitán e directivo e encargado dos actos.