
Leo Bassi, Luis Zahera, Talía e Cándido Pazó, entre os convidados do novo programa
11 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hai xa algún tempo que os veciños de Vimianzo poden presumir dunha das ofertas culturais máis estables e atractivas da comarca. Agora o Concello dá un paso máis nesa dirección incorporándose á Rede Galega de Teatros e Auditorios e accedendo así a unha programación cofinanciada pola Agadic que permitirá que pola Casa da Cultura pasen algúns dos artistas e das compañías máis destacadas da escena galega.
Esta novidade xa se deixa ver na programación para os meses de febreiro, marzo, abril e maio presentada onte polo alcalde, Manuel Antelo, e a concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rey, e na que a rede autonómica aporta seis propostas: as de Xoré Teatro (con Pementeiras), Luis Zahera, Talía (que levará a Vimianzo a súa nova obra, Foucellas, pendente aínda de estrea), o Mago Antón, Ibuprofeno Teatro (A filla de Woody Allen) e Cándido Pazó (Memorias das memorias dun neno labrego). Nos seis casos o público deberá abonar entrada, pero a un módico prezo (2,5 euros, salvo no caso de Talía, que serán 3,5).
O resto da programación será gratuíta, como en ciclos anteriores e incluirá outros destacados creadores como o cómico o italiano Leo Bassi ou Quico Cadaval, ademais de compañías xa coñecidas polo público vimiancés como Os Quinquilláns ou Daboapipa. Os actos comezarán xa este sábado con Tanxarina.