
O programa de actos desenvolverase durante os catro mércores deste mes. Unha ducia de expertos analizarán a importancia do dolmen desde varias perspectivas e tamén haberá teatro, poesía, música e unha visita guiada
04 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A importancia de Dombate ten estado presente en foros diversos -tamén nas xornadas sobre o megalitismo que se celebran este fin de semana en Vimianzo-, pero será o próximo mércores cando bote a andar o primeiro simposio monográfico sobre o dolmen cabanés, no que participarán unha ducia de especialistas.
A actividade, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación e a Xunta, desenvolverase durante os catro mércores deste mes no propio centro arqueolóxico cabanés e fará tamén no seu programa un oco a outras artes.
A xornada inaugural, deste mércores 7, será aberta por José María Bello, arqueólogo e director das primeiras escavacións en Dombate, que falará dos segredos do dolmen (16.00 horas). Rafael Quintía, antropólogo social e cultural, ofrecerá a súa visión do megalito desde a óptica desa ciencia social, e Fernando Carrera, da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e Marién González, Cristina Rodríguez e Susana Rodríguez, bolseiras de restauración da Deputación, ocuparanse do estudo e conservación das pinturas.
A posta en valor de Dombate, a solución arquitectónica escollida para salvagardalo e os seus ecos noutras artes son algúns dos aspectos que serán abordadas nas seguintes sesións deste primeiro simposio nas que participarán especialistas como José Manuel Yáñez, xefe do servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación; Francisco Vidal, autor do proxecto do edificio de Dombate, ou Jesús Ángel Sánchez, doutor en Historia da Arte e catedrático da Universidade de Santiago. Todos eles participarán na xornada do día 14. Sánchez falará sobre a posta en valor do patrimonio provincial centrándose nas visitas guiadas ás Torres do Allo e contará no seu cometido coa axuda de Os Quinquilláns que levarán a Dombate Pazos da Terra, o espectáculo que escenifican no emblemático recinto zasense.
A poetisa carballesa muxiá Rosalía Fernández Rial deixará que os seus versos se inspiren no dolmen cabanés e o grupo folk Oîma, fará o propio coa súa música. A empresa Galipat ocuparase, tamén o mércores 21, do potencial didáctico a través de obradoiros do patrimonio megalítico.
O primeiro Simposio Dolmen de Dombate concluirá o mércores 28 cunha excursión en tren turístico pola parroquia de Borneiro, con Felipe Senén como guía que permitirá achegarse á Cista da Insua, o Castro A Cidá e a Capela do Briño e lembrar o paso pola parroquia cabanesa de Xaquín Lorenzo, o arte do pintor naif Manuel Lema Otero ou o traballo que desenvolveu no seu obradoiro de retablos aló polo século XVIII o artesán Juan Antonio Martínez.