O intérprete regresa hoxe a Vimianzo co monólogo «Ración de Breogán»
11 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Coñecido por personaxes televisivas como Josito, en Padre Casares, ou Moncho, en Era visto, o mazaricán Federico Pérez trunfa tamén nos escenarios con varios espectáculos. Hoxe volve a Vimianzo (Casa da Cultura, 21.30 horas, 3,5 euros) en solitario, pero cargado de humor.
-Non hai moito que estivo nese mesmo escenario con Xosé Touriñán e ?Curtis e Teixeiro??
-Pois non, debe de haber un par de mesiños. Para nós, desde enriba do escenario foi marabilloso. Nós temos un vicio que é pasalo ben e aquel día pasámolo moi ben, de marabilla, e creo que houbo unha conexión coa xente que estaba nas butacas.
-¿Que ofrecerá esta vez?
-A min gústame moito falar de como somos os galegos, de como nos movemos como mundo e de como nos manifestamos coa nosa forma de ser e co noso humor, así que falarei diso. O monólogo chámase Ración de Breogán xogando coa lenda do fundador de Galicia e facendo de todo iso unha ración, que é outro dos símbolos que nos identifica.
-É algo que nos gusta moito
-O galego defínese moi ben cando come. Cando está comendo un cocido xa está falando do que vai cear. Iso de estar e non estar, de estar nun sitio, pero xa estar pensando noutro defínenos moi ben. Non creo moito nos tópicos, niso de subir e baixar, pero algo hai, os galegos cando ven unha recta escapan, sempre hai que coller curvas para chegar aos sitios.
-As rectas abúrrennos.
-Efectivamente; unicamente a recta da Pereira é divertida cando vas para Santa Comba, pero cando volves para a casa xa non é o tanto.
-¿Canto hai de improvisación no espectáculo?
-Hai unha base importante que está preparada e o fío da historia ven sendo o mesmo, pero a rabiosa actualidade empéñase en que improvisemos e ultimamente, aínda que o mundo está como o carallo, é un menú moi suculento para falar: desde Trump ata Errejón e Iglesias, que parecen o dúo Pimpinela.
-E Vimianzo quédalle moi preto da súa terra.
-É certo. E a verdade é que cando vas á casa non vas co concepto de traballar, xa vas pensando que vas a por ovos ou chourizos, e ir a Vimianzo é algo parecido. Sempre me sinto cómodo e sempre me tratan de marabilla, así que encantado de volver. Nunca me cadrou de ir ao Asalto ao Castelo e é algo ao que lle teño moitas gañas así que a ver se lle gardo o día e deste ano non pasa.
-Tele, cine, teatros... ¿que lle apaixona máis?
-A min apaixóname ser pallaso, actuar, ser comediante... Non sabería dicirche. Gústame facer cousas que signifiquen non ser eu, facer personaxes diferentes, aínda que cada ramo ten a súa forma de traballar e un proceso diferente. Pero todo o bo e eu desfruto non sendo eu.
-¿Pero non queda nada desas personaxes no actor?
-Sempre queda porque é como un efecto bumerán. Algo teu sempre llo tes que meter aos personaxes e iso sigue vindo comigo. Hai xente que me di ?Moncho de Era visto é un pouco tonto?, e eu dígolle pois eu tamén son un pouco tonto e a miña tontería procuro meterlla a Moncho de Era Visto.
-¿Séguenlle chamando Josito por aí adiante?
-Si, iso creo que vai ser así ata o final dos meus tempos. O que é xenial son os mexunxes que fai a xente cando di vin a Josito en Era visto, pero é normal. Federico Pérez non acaba de ser un nome artístico potente, pero o caso é que se acorden dun polo traballo que fai. Faime coña que hai xente que o de Josito parécelle demasiada confianza e chámame Jose.