Carlos Gómez, hostaleiro vimiancés: «Baixamos moitos casos, facemos ben o traballo e a Xunta debe recompensar»

f. r. / s. g. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

O responsable de Celme Café falou onte en Radio Voz

02 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na manifestación e posterior lectura do manifesto da hostalaría celebrada o luns en Carballo tamén houbo unha ampla representación comarcal. O sector está pechado en boa parte de Bergantiños, pero tamén en Vimianzo e en tres municipios da comarca de Fisterra. Carlos Gómez, responsable do Celme Café, na Praza do Concello de Vimianzo, comentou onte en Radio Voz como ve a situación. El foi un dos que acudiron a Carballo.

-En Vimianzo, a data límite en principio vai ser o día 4. Que esperan que pase, teñen esperanza de que reabra?

-Si que temos esperanza de que reabran. A situación é complicada, pero en Vimianzo baixamos de 160 casos a 40. Son moitos para Vimianzo, pero baixou bastante e creo que estamos facendo moi ben o traballo, e a Xunta ten que recompensar. Xa non digo abrir perimetralmente, pero polo menos que nos deixen traballar, é o único que pedimos.

-Vai facer un mes do peche. Supoño que moitos lle preguntan, ou lle preguntarían na manifestación que como se leva.

-É moi complicado. Hai moita campaña de axudas, axudas... Pero teñen que ser inmediatas. Dende o 1 de novembro que estamos pechados, só me aprobaron un cese de actividade dun 50 % de 471 euros. Que aínda non me ingresaron. E tes que tirar de millo vello: a luz venche igual, o teléfono venche igual.... Eu reformei o meu local hai dous anos e teño un crédito no banco bastante alto. Non teño aluguer, grazas a deus, é o que me vai salvando. Os gastos chegan igual. Eu digo: a min, se me pechan, polo menos que non me pasen os gastos. Non pido nada máis, Pero seguen pasando. E ves o Marineda, e din que está a rebentar. E Madrid, bares abertos. E nós, tan pequenos... É que me resulta indignante.

«Non hai que desanimarse, as primeiras semanas son moi duras»

Na manifestación de Carballo leuse un comunicado no que non se esquecía ningún sector.

-Que sensación lle deixou o acto do luns en Carballo?

-Estivo moi ben. O manifesto foi moi correcto, non se esqueceu de ningún sector. En Santiago, por exemplo, onde tamén estivemos, só se falou da hostalería. Xente como os feirantes están moi machacados tamén. Estaba moi ben redactado, acordáronse de todos. Ata do comercio, que está aberto, si, pero factura moitísimo menos.

-Tras Vimianzo e Bergantiños, agora tres municipios da comarca de Fisterra. Algún consello?

-Como veterano de peche, non? En fin, algo de humor. Non hai que desanimarse, as primeiras semanas son moi duras, queres traballar e non che deixan. Ánimo e paciencia.