Ana Mouzo | Costumes que deberían perdurar

ana mouzo

VIMIANZO

ANA GARCÍA

EN PRIMEIRA PERSOA | «O xogo libre que implique a relación con compañeiros debería estar en auxe polo ben da infancia», escribe a xogadora e adestradora de fútbol sala

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son Ana Mouzo Mosquera, xa con 30 anos e natural de Vimianzo. Coa liberdade que me outorga poder falar en primeira persoa, dareivos a visión do paso da miña vida ligada ó deporte para dar conta de que as cousas cambian, o tempo voa e, ó mesmo tempo, multiplícanse as anécdotas e experiencias que, con morriña galega, anhelas.

Durante a infancia, os primeiros recordos que teño son de cada xuño ter de regalo de aniversario unha camiseta do Dépor e, con ela, unha pelota que se desgastaba nas primeiras horas de estreo, pois as patadas pouco acertadas que levaba o pobre balón, impactaban contra o interior das paredes da casa ou contra os muros da fonte e os balados dos camiños. Uns días eternos nos que sempre cantaba en alto os meus propios pases poñéndolle nomes dos xogadores de fútbol referencia do momento, tal cal Luís Timiraos e Gustavo Varela narran agora a Copa América. Oxalá por aquela época poder narrar nomes das futbolistas que destacan na liga Iberdrola e ter xa referencias femininas como máis adiante o foi Vero Boquete.

Esas xogadas do denominado fútbol da rúa -sempre co meu irmán como porteiro ó que lanzar os meus chutes- eran axeitadas, xa que os coches dos veciños pasaban a horas concretas e con pouca frecuencia. Pregúntome se a cantidade de vehículos que pasa a diario por unha rúa vai inversamente proporcional á cantidade de nenos que hoxe en día xogan no asfalto, se os carteis dalgunhas prazas de «prohibido pelotas» será consecuencia de que a rapazada non xogue cun balón a apuntarlle ata que o tiren, ou se polo contrario, primeiro a xente deixou de xogar e despois apareceron o tráfico e os carteis… algo que na miña humilde e incerta opinión deberiamos mirar. O xogo libre cun balón ou calquera obxecto que implique unha relación con compañeiros e compañeiras debería estar en auxe polo ben desa infancia que, algún día, cumprirá 30 anos e non poderá anhelar xogar con amigos e amigas no seu particular detrás do pavillón. Polo ben da sociedade, deberíase practicar o feito de poñer en uso valores como compartir, espazos e materiais, mirar polos demais igual que miras por ti e respectar para poder ser libres sen medos… ou co único temor de que o amigo que chuta forte non mande o balón ó río o primeiro día, como podía pasar.

JOSE MANUEL FERREIRO

Nesta etapa, a miña identidade era unha longa trenza e a miña ligazón á actividade física resumíase nun tira e afrouxa coa familia por xogar dentro do corredor cando o día era chuvioso, estar moito tempo fóra da casa cas amizades e non poñer zapatos novos que incomodaban ó xogar ó noso fútbol. Tanta práctica e tanto balompé libre acompañado polo adestramento nas escolas municipais deportivas de Vimianzo fixo que chegara á adolescencia e, con ela, que o meu marabilloso equipo e eu nos quixeramos sentir máis profesionais, aínda que xa o eramos porque dedicabamos máis de 8 horas e podían chegar avisos fóra de hora que sempre atendiamos, tal cal hoxe en día sucede cos traballos. E como non nos chegaba o uniforme amarelo elixido por Víctor Santos (técnico municipal de Deportes), fixeramos o segundo e terceiro equipamento vermello e laranxa, abusando dos amigos que tiñan dote para o debuxo (sen pagar polo traballo pero que, repito, de profesionais só as horas dedicadas) para serigrafiar o escudo.

Amizades por moitos concellos

Os partidos da época teenager compatibilizaban á perfección a rivalidade entre concellos como os de Corcubión e Muxía, con grandes amizades ás que aprenderlle o número fixo de memoria para comunicarte xa que era a primeira vez que me enfrontaba a outra rapaza coa que, finalmente, compartiría vestiario e equipo ó ritmo da frase «se ti vas, eu vou». Ademais, nesta época era a que manexaba o centro dos ruxe ruxe nas relacións, pois as miñas mellores amigas víñanme ver xogar ó fútbol no campo do Soneira, a min ou ós que finalmente acabaron sendo as súas parellas, e os amigos preguntábanme por elas, foran deste ou doutro concello.

ANA GARCIA

Aquí os comentarios da xente de fóra do noso particular mundo sobre a figura feminina nun fútbol tan masculinizado eran variados, propios da pouca empatía e respecto que hai hoxe en día pola liberdade de emparellamento das persoas e a facilidade coa que xulgamos, pois as barbaries dialectais actuais, por desgraza, non pasan só en Hungría. Fóra de entrar máis en polémica, non só eu lidaba en ser celestina dos meus amigos e amigas, se non que a través do fútbol foi como coñecín ó meu mozo e, por suposto, como celestinos, ós compañeiros meus, primeiro, e despois del do Soneira.

Xa coa maioría de idade, quedan atrás os partidos sen colexiados das rúas, tan detestados e cos que na madurez sempre queres ter no teu grupo de amigos para resolver dúbidas. E céntrome no fútbol sala e fútbol federado, na miña segunda familia á altura da primeira, pois no Fisober, eses termos confúndense tanto que, ás veces, é difícil diferenciar, alternando algúns dos mellores momentos da miña vida (dignos de coleccionar) como xogar en nacional ou gañar a liga de autonómica, e pensando en copiar celebracións de antano como facía o equipo do London na Cherinkopa ou o Soneira paseando no camión do capitán polas rúas vimiancesas, logro que conseguín co Fisober.

ANA GARCÍA

Agora na trintena, compaxinando o xogar no 40x20 con dirixir os banquiños dende a área técnica na que os 5 metros se me fan escasos, o que busco é que, a través da educación en valores dos e das xogadoras que dirixo, máis alá de facelo ben ou mal, que se sexa constante, se xogue con ganas de esforzarte na pista e, como idea utópica, que desfruten como eu facía nas rúas e no patio do colexio. Aínda que debo confesar a envexa sa das oportunidades que a mocidade ten hoxe en día e o apoio que ten o deporte feminino, seguro que agora aproveitaría ás amigas xornalistas para darlle eco ás miñas fazañas.

Por se este medio me dá a oportunidade dentro de 20 anos de seguir dándovos o meu punto de vista a través das experiencias propias, garden o artigo e eu farei a tan subestimada autocrítica para con 50 ou 100 anos seguir aprendendo, cometendo erros para arranxalos e desfrutar contándovos as anécdotas.