
Hai uns días tiven exame. Nunha das preguntas de desenvolvemento, pedíase que se fixese una exposición discursiva a favor e en contra da xeración de cristal. Imaxínense como salivaba ao ver que me tocaba un tema que me apaixona e do que tantas veces falei nesta columna. As fortalezas da xeración de cristal ben se poderían exemplificar co que pasou onte en Baíñas, a pesares dos problemas de son que tan ben abarcaron os artistas. Rokiño, Damián para todos nós, demostrou que a xeración de cristal non existe. A xente nova ten soños, aspiracións, talento e altas doses de esforzo e perseveranza. Como din os vellos, o garbo nunca lle subiu a cabeza.
Camiñaba entre a xente saudando a todo o mundo, con esa humildade xenuína que sempre o caracterizou. Todos o coñecen por traer una canción de verán con selo da Costa da Morte pero, a xente que somos do seu pobo, coñecémolo de primeira man. Próximo, amable e un cu inquedo. Traballa e estuda. Demostra que o tempo é un ben frugal que hai que espremer ao máximo. Achégase á xente de idade, a mozos e a nenos. Nunca esquece que el tamén foi monitor de tempo libre. Relaciónase con grandes personaxes da música galega pero non renuncia ao pequeno recoñecemento de facerlle una forma cun globo a un neno. En Damián nótase a boa educación e a hospitalidade que sempre deparan os seus pais no Campamento Turístico Santa María de Brandoñas.
Está por saír o seu novo single, con colaboracións espectaculares. Auguro un éxito rotundo. Pese a que non haxa teito para as alegrías dun futuro, sei perfectamente que Damián nunca esquecerá nomear a súa Baíñas natal. Ninguén está máis orgulloso del ca o seu pobo, que onte vibraba coa súa música.