Fóisenos Roxy. Non era Rosalía, nin Roxana. Simplemente Roxy, como a marca de roupa. Pregúntome se habitará agora o ceo dos animais, aqueles que Santo Antón garda no seu seo. A personalidade deste animal ben o merece. Remóntome a setembro do 2011 cando a coñecín. Durante máis dunha década formou parte da imaxe da libraría Roget en Vimianzo. Sempre mansa, amable, camiñaba pola praza con aquela parsimonia de quen se cre confiada e dona de seu. Fáiseme duro pensar que nunca vou volver ver aquela cadeliña coa que compartín tantos momentos da miña adolescencia. A súa dona, Laura, choraba a súa morte e eu tamén. Con ela morre un anaco dos meus recordos, das tardes na praza, das visitas a comprar un caderno ou unha axenda. A adolescencia que é un tempo de tempestade e que igualmente nunca volve, coma un diamante extinto que rompeu por fráxil. Ás veces, pensamos que somos eternos e que, con nós, todo aquilo que nos rodea. A partida de Roxy é unha constatación de que tamén envellecemos, como paso inexorable da vida.
Eu ben sei que haberá xente que non entenda este artigo. Mais eu son das persoas que pensa que nalgúns animais hai personalidades propias que escapan do carácter animal predeterminado. Roxy era unha cadeliña que tiña algo diferente. Quen coidará agora da praza na súa ausencia? Non o sei. Se fose hoxe por alí, aínda sentiría a súa presenza, o seu camiñar lento, a textura do seu pelo entre as miñas mans e a serenidade dos seus ollos coma se fose unha alma vella naquel corpo miúdo.
Eu non sei se existe ceo ou paraíso para os cans. Non teño garantía empírica ou científica. O que si sei, é que podes estar ben tranquila Lauriña, se existe, ela está alí comendo feliz e sorrindo.