O descoñecido veciño de primeira

ALBERTO MANCEBO

VIMIANZO

En primeira persoa | De aquí tamén parte a xenialidade e, o máis importante, a sabedoría de facerse querer

01 oct 2023 . Actualizado a las 17:47 h.

A distancia aos que chaman «lugares de importancia», as malas comunicacións que nos definen dende sempre ou mesmo ese xeito de ser que bascula entre o humilde e o dócil impiden, ás veces, que vexamos que somos capaces de chegar ata o fío da imaxinación. Fantasiar, por exemplo, con que un vimiancés sexa fillo predilecto dunha cidade na outra punta da Península ou que loitase contra mil impedimentos para ser futbolista de primeira liña. Un deportista que deveu en adestrador na división de ouro e que, non obstante, no seu concello de orixe poucos saben quen é.

Ramón Blanco naceu en Cures, na parroquia de Cereixo, Vimianzo, en 1952. Sendo bastante cativo emigrou coa súa familia a Bos Aires, ao igual que fixeran centos de veciños da Costa da Morte naquela altura. El, con aquela alegría que o definía, convenceu os mozos maiores ca el para que o deixasen xogar ao fútbol no barrio de La Boca. Hai un xeito máis máxico de comezar a bater no balón que xusto aí, xusto nese barrio bonaerense?

Sorpresa

Que sorpresa nos atrapa aos que non somos futboleiros ao escaravellar na vida deste veciño e descubrir unha vida de serie de televisión. De volta a Europa, xoga no Oviedo, no Mallorca e no Betis, pasando todo tipo de calamidades e desilusións: lesionarse xusto antes de debutar en Primeira División ou enfrontarse a problemas económicos na busca da estabilidade que ninguén sabía se o fútbol lle podía dar. Finalmente, chega a unha localidade que adoraba o deporte rei tanto coma el e, por riba, tan atlántica como o seu Vimianzo, Cádiz.

Ramón Blanco, natural de Cures, Cereixo
Ramón Blanco, natural de Cures, Cereixo JULIO GONZALEZ

O afán das vilas e dos concellos por elevar e dignificar os seus ilustres agroma sempre como unha necesidade de situarse no mapa, marcar territorio e sentir que o firme aos seus pés é fértil, máis alá do que medra despois de traballar a terra. E aquí temos un exemplo. No entanto, non hai rúas nin prazas co seu nome. Non hai referencias nin afagos en actos institucionais. Non culpo a ninguén en concreto e cúlponos a todos pola ignorancia que, ao fin, está desvestida de intención.

Canal Sur

Os meus compañeiros de Canal Sur, a televisión autonómica andaluza, recordan a Ramón Blanco polo seu sorriso, pola súa disposición enérxica e, sobre todo, polo amor contundente ao fútbol. Porque este veciño noso, do que apenas sabemos nada, colaborou na televisión e na radio converténdose nunha cara familiar para os andaluces. El era o adestrador do Cádiz con maiúsculas, unha lenda, un mito, e non son palabras miñas. Era o galego que dirixiu o equipo na Primeira División nos 90 e que logrou con humildade e traballo gañar os corazóns dos que se moven nuns matices culturais tan diferentes aos nosos.

A ausencia do seu nome no recordo soneirán bate con forza cando facemos unha busca sinxela na rede e descubrimos como os xornais gaditanos —con palabras tan soleadas como aquel porto de mar— desfanse en eloxios recordando cada ano a data do seu pasamento. Neste 2023 hai unha década que Ramón Blanco morreu por causa dun infarto cerebral tan duro coma o golpe que lle arreou a Cádiz. Tiña só 61 anos, pero no seu enterro non houbo «sós» de ningún tipo porque a cidade enteira estivo alí para despedilo; autoridades incluídas.

A alcaldesa da época gabou a súa alegría e o seu compromiso con aquela terra atlántica, tan atlántica como é a nosa. Pero a nosa falla no seu recordo cando precisamente nunca sobran exemplos de tesón e talento para inspirar os nosos cativos. Ramón Blanco foi un vimiancés que imaxinou en grande e escribiu ao lonxe —sen nós sabérmolo— que de aquí tamén parte a xenialidade e, o máis importante, a sabedoría de facerse querer.

Alberto Mancebo Soto. Naceu no ano 1983 en Vimianzo. É o do medio de tres irmáns. Leva case 20 anos vinculado á Televisión de Galicia, onde actualmente presenta o espazo Telexornal Fin de Semana. Recentemente publicou a súa primeira novela, O que me quedaba por dicirche, en Xerais.