A Legua Irmandiña é moito máis que unha carreira. É unha celebración do noso patrimonio, unha mostra de unidade comunitaria e unha experiencia que medra en popularidade con cada ano. Esta edición, celebrada como sempre na semana previa ao Asalto ao Castelo, viu como o número de corredores segue a aumentar, todos eles desexosos de desfrutar do ambiente festivo que impregna Vimianzo nestas datas. Este ano foi especial porque estreouse un novo percorrido da Legua, cunha distancia de 5 kilómetros na que se estableceron novos récords para os vindeiros anos, a cargo de Amadeo Abal e Natalia Rivas. A espectacular chegada ao Castelo de Vimianzo segue a ser un dos puntos máis destacados da carreira, unha meta que non só é unha postal fermosa, senón que tamén simboliza a importancia de coidar e dar uso ao noso patrimonio para que todos poidan desfrutalo.
Non podemos falar do éxito da Legua Irmandiña sen agradecer a todos aqueles que fan posible este evento. En primeiro lugar, a Asociación Cultural Cherinkas, que relaciona a carreira directamente cun evento tan importante como é o Asalto ao Castelo, unha festa de interese turístico que enche de vida e historia a nosa vila. O apoio do Concello de Vimianzo é tamén fundamental. O técnico de deportes, Víctor Santos, realiza unha labor invisible pero crucial para que todo saia perfecto.
O Terra de Soneira Club Deportivo, tamén ten un papel esencial na organización. Enrique Santos, un dos seus integrantes máis dedicados, traballa incansablemente nas semanas previas para asegurarse de que todos os preparativos están no seu lugar.
Finalmente, un agradecemento especial a todos os voluntarios, protección civil e policía local. Sen a unión e esforzo de todos eles, sería imposible levar a cabo un evento desta magnitude.
A Legua Irmandiña non só é unha carreira; é unha celebración única na Costa da Morte, ademais de ser a primeira carreira nocturna do xeodestino. Grazas a todos por facer posible que, ano tras ano, este evento siga medrando e enchendo Vimianzo de vida e alegría.
Arde Soneira!