«Somos os de sempre e, cada vez, é máis difícil, custa máis conseguir os cartos»
VIMIANZO

ESPECIAL FESTAS DE BAÍÑAS | Miguel Muíño, Juan SIlva, Valentín Trillo e José Moreira forman a comisión organizadora
29 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Miguel Muíño gustaríalle que a comisión de festas da que el é presidente medrase cada ano: «Aquí estamos sempre os mesmos, que se Juan Silva, que se meus irmáns... E isto vai cansando porque os anos van pasando e organizar estas festas cada vez é máis difícil, hai menos orquestras e custa máis conseguir os cartos», explicou en Radio Voz. Este ano, a entidade encargada da organización das Festas de Baíñas —Baíñas Fest— está formada por el mesmo, Juan Silva, Valentín Trillo e José Manuel Moreira. Catro persoas que para este 2024 conseguiron atraer ata esta parroquia vimiancesa a unha das grandes da verbena galega, a París de Noia. Xa o fixeran o ano pasado, ca Panorama. «Non quero esaxerar, pero para facer estas festas, con este tipo de orquestras, hai que traballar con dous anos de antelación polo menos», explica Muíño, que resalta o complicado que resulta tela, ademais, nunha data especial: «Todo o mundo quere as festas na fin de semana, pero é que ademais de ser un sábado de agosto, é o día de San Ramón e a París está moi solicitada».
Acadar contratala, polo tanto, propiciou que tivesen moito traballo ás costas. Un ano máis venderon lotaría, organizaron a comida dos veciños, a festa do polo e a do entroido. Iniciativas que suman e que acompañan ao aporte principal, o pedir porta por porta: «Diso e das casas comerciais, polas que fixemos un libro para que aparecesen todas as que nos axudaron porque a súa colaboración foi bestial. E tamén do Concello, claro», comenta Muíño.
O que ten claro é que fai falta máis xente nova que se anime a participar na recadación e na organización dunhas festas que enchen de vida Baíñas. «Queremos amplialo, pero a xente implícase pouco para iso», di o presidente.
En canto ao programa, dende a comisión din que non puideron quedar máis satisfeitos e, aínda que miran con temor á previsión de tempo, esperan xa o inicio da festa, mañá, cunha actuación moi especial para os veciños e veciñas. «Rokiño xoga na casa e iso nótase ben porque el é un auténtico fenómeno», sinala Muíño. Para o sábado, Miguel destaca a xornada especial para os máis pequenos: «Terán dúas horas cas atraccións de balde, dende as 12.00 horas». Para o domingo, queda a iniciativa solidaria, pois todo o recadado na sesión vermú será doado á Asociación Mi Princesa Rett. «Aquí temos unha nena que ten esta enfermidade e queríamos axudarlle. Todos sabemos o que custa xuntar cartos e o Concello de Vimianzo volcouse con nós na organización do que hai este domingo», explica.