Dona Carolina

Natalia Lema Otero

VIMIANZO

03 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Faleceu hai unhas semanas unha das persoas mais distinguidas dos Vaos, Dona Carolina do Silvestre. Unha muller elegante, moi fermosa tamén. Baíñas despediu unha señora boa e xenerosa, a eterna mestra que ensinou a moita xente a ler e que deu escola alí por onde pasou. Recórdana con aquel pelo crecho fermoso e o seu sorriso afable. Durante as honras fúnebres eran moitos os que rememoraban os favores que lles tivo realizado en vida, axudando en momentos de dificultade cando a súa situación era máis cómoda. A súa familia era das poucas que tiñan acceso a unha educación de calidade e iso permitiulle a ela e a seus irmáns estudar. Non obstante, ela sempre compartiu o que puido cos demais, poñendo escola, como antigamente, en tempos sen luz e sen estradas.

A xente dos Vaos vaise. Están morrendo e invádenos a todos unha sensación de nostalxia infinita que nos fai tremer. Mais o pobo vive. Nas memorias, nos fillos, nas historias de amizade entre Dona Carolina e meus avós, por exemplo. Pervive na mirada amable das súas tres fillas mentres escoitan as historias de seu pai, que foi o primeiro doutor de Baíñas, nun tempo onde a medicina era escasa e pouco accesible. Son historias de vida, que pasan de xeración en xeración a través de relatos, anécdotas e ofrendas ao pasado.

Hai xente que nunca debería morrer, primeiramente os nosos, que tanto nos doen. Mais tamén aqueles que fixeron tantas obras e causaron a partir de xestos pequenos un verdadeiro progreso que ningún encoro trouxo consigo. Longa vida a Dona Carolina do Silvestre, aquela que puxo escola en Baíñas a tanta xente e que merece unha homenaxe póstuma. Para ela, amante de ler o xornal, estas pequenas liñas como impronta.