
Dende hoxe incorpórase a sete liñas que conectan coa Coruña e Santiago
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta incorporará dende hoxe mesmo, segundo avanzou, unha parada de bus na Piroga, en Vimianzo, ao seu paso pola estrada AC-552, en sete liñas que conectan coa Coruña e Santiago. Así, pararán na localidade os servizos de tres liñas A Coruña-Fisterra, dúas A Coruña-Muxía, unha Santiago-Camariñas e unha Santiago-Vimianzo.
Estas liñas ofrecen, de luns a venres laborables durante todo o ano, once servizos ao día na conexión coa Coruña, seis cara á cidade e cinco desde A Coruña ata Fisterra ou Muxía. Os sábados e domingos serán seis servizos, tres en cada sentido.
Na conexión con Santiago, nas liñas con cabeceira en Camariñas ou Vimianzo, funcionarán en tempada lectiva catro servizos ao día de luns a venres, dous por sentido, e un máis os venres e domingos pola tarde, que facilitan as viaxes de ida e volta das fins de semana durante o curso.
«Coa nova parada, a Xunta atende a petición do Concello de Vimianzo e da veciñanza da parroquia de Bamiro para mellorar o acceso ao transporte público aos usuarios desta parroquia, que tiñan como parada máis próxima a da localidade limítrofe de Baio, en Zas», explica o Goberno galego.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.