Numerosas voces femininas sosterán o Foro «Alza voz de muller» en Vimianzo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Laura Sagnier será unha das participantes no foro
Laura Sagnier será unha das participantes no foro

A inscrición no encontro, días 6 e 7 de xuño, pode facerse vía web de xeito gratuíto

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha experiencia transformadora coa que se busca derrubar barreiras culturais, fomentar o diálogo e construír redes de apoio entre mulleres». Así é como se concibe a primeira edición do Foro de Liderado Feminino no Rural Alza Voz de Muller, promovido polo Concello de Vimianzo e a Deputación. O encontro terá lugar o venres 6 e o sábado 7 de xuño na Casa da Cultura, dúas «intensas xornadas» nas que se tratarán cuestións como a conciliación, o liderado con perspectiva de xénero, a autonomía económica, o emprendemento dende o rural e, en definitiva, a necesidade de creación de alianzas entre mulleres líderes. Á vez que intervencións, haberá mesas redondas, de debate, e espazos para a reflexión colectiva, algo que o sitúa como un encontro «único» na comarca, máis aínda tendo en conta que citas deste tipo adoitan celebrarse en grandes cidades.

Mónica Rodríguez, alcaldesa, e Rosa Ana García, deputada de Emprego, abrirán institucionalmente o foro a primeira hora da tarde do venres 6, e seguirá Carmen Lence, CEO do Grupo Lence. A propia Mónica Rodríguez, ademais das rexedoras Margarita Lamela (Cee), Sandra Insua (Camariñas) e Áurea Domínguez (Fisterra) tomarán parte dunha mesa redonda sobre muller e política. Yolanda Domínguez, autora da obra Las mujeres facturan: el dinero también es cosa nuestra tocará a cuestión da autonomía financeira, unha das voces máis esperadas xunto coa propia María Fornet ou a divulgadora Laura Sagnier, quen hai anos acuñou o termo «lousa de formigón».

rober amado

Obdulia Taboadela, docente e política; Gema Domínguez, xestora de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners; Tamara Conesa, orientadora laboral e representante de Fundación Mujeres, ou Teresa Antelo, representante de ASER, tamén nutrirán o encontro. No aspecto artístico, as voces de Irma Macías e Tanea Caamaño, vimiancesas, e de Rocío Caamaño, ceense. Tamén, Sara, Teresa e Caridad, etnoteatro de Salto.

Inscrición gratuíta

Calquera persoa interesada en acudir como público a Vimianzo poderá inscribirse gratuítamente a través da páxina web do encontro: www.alzavozdemuller.com.

VENRES 6 DE XUÑO

  • Benvida e networking inicial.
  • 16.00 horas. Inauguración oficial.
  • 16.15. Ponencia sobre a necesidade de contar con espazos de mulleres.
  • 17.45. Mesa diálogo sobre liderado feminino. Nela, nomes como Carmen Lence.
  • 18.30. Mesa diálogo sobre o emprendemento dende o rural. Experiencias das mulleres da contorna máis próxima.
  • 19.15. Cóctel de conexión no castelo. Amenizan Irma Macías e Luís Pinto.

SÁBADO 7 DE XUÑO

  • 09.45. Apertura dende o simbólico, o artístico e o emocional: Tanea Caamaño.
  • 10.00. Mesa redonda, con mulleres políticas. As catro alcaldesas da comarca.
  • 11.00. Intervención de Yolanda Domínguez: «As mulleres facturan».
  • 12.30. Teté Teatro, cunha mirada crítica sobre as realidades cotiás das mulleres.
  • 12.45. Laura Sagnier: «A lousa de formigón: conciliación e desigualdades de tempos».
  • 15.30. Mesa sobre mitos, crenzas e mandatos de xénero. Con Obdulia Taboadela, María Fornet ou Yolanda Domínguez.
  • 16.00. Ponencia sobre mentalidade expansiva, con María Fornet.
  • 18.00. Mesa diálogo sobre redes, alianzas e poder colectivo, con Gema Domínguez, Tamara Conesa e Teresa Antelo.
  • 19.00. Pecha a voz de Rocío Caamaño.