
O cantautor ourensán actuará mañá, venres, no Castelo de Vimianzo
17 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tan só unhas semanas despois de ser «asaltado» de novo polos irmandiños, o Castelo de Vimianzo acollerá mañá (21.00) un concerto do cantautor ourensán Emilio Rúa (1976), que estará abrindo a súa xira de 25 aniversario e que protagonizará unha das actividades do programa estival vimiancés VimianSol. Así o explicou en Radio Voz:
—Primeira vez en Vimianzo.
—É un privilexio poder actuar por vez primeira en Vimianzo, e máis aínda no Castelo, que é un lugar ben bonito e incomparable para facer un concerto.
—Si estivo pola Costa da Morte.
—Si! Estiven no Bela Muxía, na Ventana de Laxe, en Zas... Unha marabilla poder volver.
—Xira de 25 anos da publicación do primeiro álbum, pero a súa traxectoria é máis longa.
—Eu son o menor de cinco irmáns, e o noso pai fixo todo o posible, moitos sacrificios, para que dende unha pequena aldea do sur de Ourense todos puidésemos recibir educación musical. Fixemos unha agrupación familiar e durante varios anos percorremos Galicia e zonas limítrofes: esa foi a miña escola, a miña base.
—Cantos álbums leva xa?
—Pois son xa doce traballos, entre discos e libro-discos.
—E sempre en galego!
—Sempre en galego, si, a excepción dun que gravei no 2023 cun poeta de Cádiz. Nacín, vivo e fago a miña vida aquí, co cal non vía outra opción que facelo na miña lingua.
—A lingua non ha de ser barreira.
—No disco de duetos hai algún tema en castelán, e curiosamente houbo artistas que me dixeron que lles gustaría telo feito en galego. Ter un territorio con tanta diversidade lingüística é unha riqueza, non unha barreira, por máis que moitos se empeñen [en insistir no contrario].
—Cre que as modas están a comerlle terreo aos cantautores?
—Eu creo que o cantautor sempre está aí, a pesar dos pesares, mesmo escribindo temas para outros ou para grandes festivais. Flutuamos nesa tesitura das modas, aínda que eu creo que o noso lugar é sós, nun escenario.
—Que verá o público mañá?
—A música en directo sempre gaña: animo a todos a que se acheguen. Veremos cancións que canto sempre, como a que teño con Rozalén ou a miña versión da Saia da Carolina, e outros temas.