
A baixada dos cabalos do Monte Faro, hoxe, precede ao gran momento de mañá á tarde
19 jul 2025 . Actualizado a las 14:46 h.Hoxe e mañá • Se a festa ilusiona, a espera non menos. A Rapa das Bestas no campo da Areosa de Vimianzo é desas citas que fai xirar o reloxo do ano. Van 27 anos e a asociación cabalar Monte Faro, presidida por Javier Trillo dende hai tres, resiste ao fronte desta cita que trae a Soneira bravura e vínculo humano-besta. Se todo vai ben, se o tempo ou a néboa non o complican, a primeira hora de hoxe, sábado, baixaranse do monte 120 cabezas de gando salvaxe. Persoas a pé ou a cabalo poden sumarse ás tarefas de busca e reunión, para Javier Trillo «o máis bonito da festa».
Estiman que será ás 08.30 para logo a partir das 18.00 poder xa dar un paseo pola vila na compaña da charanga Os Celtas, parada incluída na Praza do Concello. Curiosa a carreira de rolos programada para hoxe ás 20.30, antes da degustación de poldro (18 euros, 22.00) e da verbena cos Celtas e dúo D’Festa.
Con todo, o día grande da rapa será mañá, co acto central —o corte de crinas— previsto para as seis da tarde. Será logo de sanealas, unha rapa que, como Trillo lembra, é polo ben dos animais: «Coidámolos todo o ano. En decembro baixámolos para desparasitalos un a un, se non teñen comida levámoslla... gústannos os cabalos! E se che gustan como lles vas facer dano!», reflexiona. Perderon este ano 18 poldros polo lobo.
A xornada de mañá principiará ás 12.00 co espectáculo ecuestre de doma en liberdade de Paco Martos, seguirá cunha vermú amenizada por Laura Ocampos e logo virá o xantar con pulpeira, churrasco e demais. Trala rapa sortearase un poldro e volverá a música. Ás 21.00, os cabalos regresarán de novo ao monte.