
Este vindeiro sábado, 20 de setembro, quedará aberta a exposición «Baixo o espectro da serpe»
17 sep 2025 . Actualizado a las 22:02 h.Do 20 de setembro ao 19 de outubro • Semella que todo aquilo que leva o selo de Antonio Nodar (Baíñas, Vimianzo, 1954) ten un aire de vangarda, de avance no tempo. Tamén esta súa nova proposta pode verse así. Antonio Nodar & PerplexyAI inaugurarán exposición este sábado 20 no Tinglado, en Carnota, un singular espazo comandado por Nando Lestón. Leva por título Baixo o espectro da serpe, e preséntano como provocador e valente proxecto artístico sobre o clima que trasladará ao espectador a un desacougante ano 2222: «Nun tempo no que os incendios arrasan a rexión e a ameaza do colapso ambiental é cada vez máis evidente, convida ao público a enfrontarse á nosa herdanza ecolóxica».
Baixo o espectro da serpe ofrece reflexión e ferramentas para a participación e o cambio, toda vez que a través de códigos QR pódese continuar a viaxe en liña, máis aínda tendo en conta que cada díptico presenta un enigma e un código, mesturando pistas nas cores, ondas e formas da arte. Xornalistas culturais e ambientais, educadores e a cidadanía en xeral teñen pois unha chamada no Tinglado para enfrontarse á destrución e imaxinar o que pode ser reconstruído: «Visita, descifra, comparte, actúa», convidan.
«Esta exposición non é só unha advertencia, é unha ponte (...) 2222 non é un aviso, senón unha proposta a facer unha pausa, reflexionar e preguntarnos se estamos dispostos a cambiar o noso rumbo», traslada Nodar. A mostra desenvólvese a través de sete dípticos ou pares de imaxes transformadas nos que non falta a poesía. Destaca asemade a estrea do filme Anéis de lume, proxectado con son ao vivo por Frank Buschmann: tamén el participará nun debate con Nodar e moderado por Lestón.