Enrique Labarta Pose inspira novas iniciativas ás entidades culturais e sociais de Baio
ZAS

Como xa sucedeu coa Fundación Pondal, as entidades baiesas pediranlle unha entrevista ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo
03 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A comisión de Cultura do Congreso de Deputados aprobou o pasado 24 de outubro unha proposición non de lei presentada polo parlamentario socialista Ricardo García Mira na que se insta ao Goberno a apoiar medidas de homenaxe e divulgación da vida e da obra de Eduardo Pondal e Enrique Labarta Pose. Froito deste acordo, onte celebrouse unha xuntanza nas escolas Agra Regueiro de Baio co fin de darlle forma ao proxecto para que o acordo teña efectividade real.
Estiveron reunidos Jorge Mira, portavoz da plataforma que pretende un Día das Letras Galegas para Labarta; Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais; Ramón Fuentes, de Tabeirón; Martina Rodríguez, de Adro; Ricargo Vigueret, de Badius, e Chema Rei, así como o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o edil de Cultura, Manuel García Velo. Todos eles contaron con Ricardo García Mira para lles explicar o contido da proposición aprobada no Congreso de Deputados e ofreceuse para informar e asesorar nas xestións correspondentes. Ao mesmo tempo, explicou que a súa compañeira de partido Loli Toja presentou no Parlamento de Galicia unha proposta similar para o recoñecemento e a divulgación da obra labartiana.
Como xa sucedeu coa Fundación Pondal, as entidades baiesas pediranlle unha entrevista ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, co fin de trasladarlle un proxecto con iniciativas dirixidas a divulgar o legado literario e xornalístico de Enrique Labarta, así como dar a coñecer a súa personalidade e o seu tempo. Insistiron, ao mesmo tempo, en levar a cabo unha programación permanente de actividades labartianas co propósito de manter viva a chama da súa obra. Os representantes das entidades acordaron traballar todos na mesma dirección.