Quenchedera Teatro abrirá este sábado a Mostra de Teatro Labarta Pose

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

ZAS

A primeira representación desta oitava edición do encontro será no auditorio de Zas, ás 21.00 horas

25 abr 2025 . Actualizado a las 14:09 h.

Perdón que che chapuse, de Quenchedera Teatro, un grupo de amigas de Muros, é a obra coa que este sábado 26 de abril botará a andar a oitava edición da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación e a compañía Badius. O que traen é unha comedia de 45 minutos dirixida a maiores de 13 anos, programada para as 21.00 horas no auditorio de Zas. Todas as representacións, de feito, serán ás 21.00, alternándose este espazo e o auditorio de Baio. «Este ano batemos marca de solicitudes, con 33 obras de teatro de toda a comunidade. Este é un dato que se traduce en que o teatro afeccionado segue moi vivo e que esta Mostra de Teatro xa está consolidada como un referente cultura»l, valorou o alcalde, Manuel Muíño. Logo da cita deste 26 de abril, chegarán outras:

  • 3 de maio: Camiños e carreiros, de Andaravía Teatro (Nedra). Comedia, 21.00, Zas.
  • 10 de maio. Segredos de familia e licor café, de Martabelas Teatro (Teo). Comedia, 21.00, Baio.
  • 17 de maio: Pan con chocolate, do colectivo Ollomao (Barreiros). Comedia, 21.00, Zas. 
  • 24 de maio. Heroínas cotiás, de Muiñeiras do Vento (Ferrol). Drama, 21.00, Baio. 

A entrega de premios está programada para o 31 de maio, un acto ás 18.00 horas nos que se repartirán os 4.400 euros deste ano. Unha das principais novidades en canto a galardóns reside na creación do premio especial Centenario Labarta Pose, dotado con 500 euros: entregarase á mellor comedia en homenaxe a Labarta e ao peso que na súa obra tivo a comedia. O xurado repartirá cinco galardóns entre os grupos, e tamén o público elixirá a súa obra preferida. Haberá ademais recoñeceemntos para o mellor actor e a mellor actriz desta oitava edición.