
Ademais da homenaxe polo centenario do pasamento de Labarta Pose, o Concello programou para este mes un bo número de actividades
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Zas vén de poñer en marcha o programa cultural Maio, mes das Letras, cun feixe de propostas para tódolos públicos que terán lugar ata finais de mes. Comezou a pasada fin de semana coa cita comercial, cultural e lúdica Baio ten as letras, pero continuará nos vindeiros días con actividades de diverso tipo:
Animación á lectura
Conta contos cos Ratiños de Lonxedetodo, da compañía teatral Trinke Trinke, e o seu espectáculo Contos para andar o camiño. O luns 12 na Axencia de Lectura de Baio (18.00), e o martes 13, na biblioteca da capital municipal (18.00).
Música
Paco Nogueiras levará este mércores, día 14, o seu espectáculo Brinca vai! ao CPI de Zas (10.00) e ao CEIP Labarta Pose (12.45). Ademais, o venres 16 García MC ofrecerá un concerto dirixido a estudantes de secundaria e bacharelato (IES de Baio, 12.45).
Teatro
Continúa a oitaba Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose con funcións tódolos sábados á noite ata a entrega dos premios, que está prevista para o vindeiro 31 de maio no auditorio de Baio (18.00). Nese mesmo acto actuarán tamén os integrantes da Escola Municipal de Teatro de Adultos do Concello de Zas.
DANZA
Ao igual que outros municipios como Corcubión ou Vimianzo, o proxecto Escora chegará a Zas o vindeiro 30 de maio con diversas actuacións e propostas paralelas para tódolos públicos.
Ás 12.45 e ás 14.00, respectivamente, Obradoiro D'Elas no instituto Maximino Romero de Lema de Baio e no CPI de Zas. Ás 18.30, roteiro polo río ata a Carballeira de Baio, e ás 20.00, espectáculo Velaiquich amoorch, de D'Elas, tamén na carballeira baiesa.
Homenaxe ás cantareiras
Grupos de baile e música tradicional da asociación Churía participarán nunha homenaxe ás cantareiras que se celebrará o sábado 24 no auditorio de Zas (18.00).
Concurso de Marcapáxinas
Alcanza esta proposta a súa décimo sexta edición, dirixíndose a alumnado de infantil e primaria e centrándose, desta banda, nas protagonistas deste vindeiro Día das Letras Galegas: as cantereiras. Os premios, dou por cada unha das tres categorías, consistirán nun lote de libros cada un. Os traballos poderán entregarse nos centros socioculturais ata este próximo día 16 e as creacións que resulten galardoadas entregaranse cos libros que se presten ata as Letras Galegas do 2026.