
Integramente feminino no escenario e 100 % galego, así será o programa de mañá e pasado
07 ago 2025 . Actualizado a las 11:54 h.As fadas da Carballeira de Velar estarán aínda máis contentas este ano. Poderán bailar ao son dun batallón artístico de mulleres. A 40.ª edición da Festa da Carballeira de Zas —mañá e pasado— festexa a redonda efeméride cun programa que non só será 100 % feminino, senón tamén integramente galego, volvendo á raíz. A orixe do que hoxe é un dos festivais folk máis importantes de Galicia está nunha xuntanza veciñal con merenda e música tradicional, e ese espírito permanece. Faino ao pé do río e nun anfiteatro natural que tamén é protagonista de cartel.
Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia pasarán este venres por Zas a partir das dez da noite, e para o sábado quedarán, xa dende o mediodía, Uxía Lambona, A Banda da Loba, Carmela, Caamaño & Ameixeiras, Mercedes Peón, Sés e Señora DJ. «Un cartelazo», resume Fidel Otero, director e presidente da asociación Castro-Meda, coorganizadora xunto co Concello de Zas. «Vista a cantidade de bandas de mulleres ou lideradas por mulleres que temos no panorama musical galego, era algo que xa levaba tempo pensando. Unha Carballeira feminina. Este ano xuntouse todo: estaba iso, estaban os 40 anos e estaban as Letras Galegas dedicadas ás cantareiras [ámbito no que Zas tamén ten moita tradición]. Por que non unha Carballeira de mulleres? Non tería por que ser sorpresivo, só que estamos habituados a que o contrario sexa o normal. O deste ano é un cartelazo de bandas, independentemente de que sexan ou non mulleres». É unha aposta que o Concello tamén festexa: «Unha decisión moi acertada, non hai máis que ver a calidade das artistas», di o rexedor, Manuel Muíño.
Korpiklaani, Mägo de Oz, Rura, Red Hot Chilli Pipers, The O’Reillys & The Paddyhats, Heredeiros da Crus, Susana Seivane ou Luar na Lubre, con moito que ver na propia permanencia da Carballeira, forman parte da historia dunha festa que, aínda que xuntou na última edición máis de 5.000 almas nun só día, é capaz de manter a esencia familiar, ao que contribúe un exército de máis de 110 voluntarios: «Menores de 14 anos e maiores de 60 non pagan entrada, e dende o Concello remítenselles dous convites a cada fogar. Queremos que veña xente de moitos puntos, pero tamén que os veciños sigan sentindo a Carballeira súa», afirma Otero. Debuxa unha estampa: «Unha muller de 80 anos sentada, os nenos tirados xogando polo chan e, diante do palco, os mozos saltando nun concerto. Iso é a nosa festa, o que a distingue». Espazo de resistencia dende o pracer, afirmou Mercedes Peón. Festival boutique, en palabras de Sés.
Foliada, artesanía, gastronomía ou zona infantil redondean un programa con oco para «todos e todas» e para o que ata maña ás 21.00 horas aínda se poden mercar entradas en liña: 10 euros un día e 18 os dous. Logo, en billeteira física, 15 e 25, respectivamente.