Será este domingo, ás 18.00 no auditorio de Baio, Día do Patrimonio Cultural
12 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Domingo • 18.00 horas • O Concello de Zas renderá unha homenaxe ás cantareiras, recoñecidas este ano coas Letras Galegas polo seu papel na preservación da tradición oral e musical. Cantareiras: tradición e legado será este domingo, ás 18.00 no auditorio de Baio, con conversas e música nese recoñecemento ás cantareiras de todo o país, pero sobre todo ás de Zas, punto de referencia do folclore galego.
Participarán Fina Casalderrey, numeraria da RAG; os grupos de pandeireteiras da asociación Adro, e as convidadas Clarisa Santos e Matilde Ferreiro, veciñas de Pudenza e dúas das moitas informantes de Zas. O acceso é libre.
Álex Insua, mestre de música e baile tradicional, e Patricia Blanco, xornalista con raíces en Roma, Zas, e autora do libro As voces da terra, edición conmemorativa de La Voz por estas Letras Galegas 2025, serán os encargados de conducir un acto de tributo no que tamén intervirá o alcalde, Manuel Muíño.
Este domingo, Día do Patrimonio Cultural
Cantareiras: tradición e legado será o acto central deste ciclo literario e cultural Follas de outono que o Concello de Zas, a través do seu departamento de Cultura, vén levando a cabo nas últimas semanas, e que dende o consistorio valoran como «un referente na zona». Foron nove actos para distintos públicos no auditorio de Baio, e neste caso faise coincidir a merecida homenaxe ás cantareiras cunha xornada ben especial, en tanto que este domingo día 16 se celebra o Día do Patrimonio Cultural.