Os premios Líder homenaxean ao fútbol base

La Voz LUGO / LA VOZ

CDLUGO

Andrés Silva, xogador Xuvenil no CD Lugo, acadou o Balón de Ouro desta edición de premios lucenses

20 jun 2025 . Actualizado a las 13:28 h.

Este xoves pola noite celebráronse os XVI Premios Líder ao Fútbol Base Lucense, unha gala que representa o recoñecemento de Líder aos clubs, adestradores e, sobre todo, aos xogadores polo seu esforzo colectivo e individual ao longo da tempada. Grazas a ese compromiso, cada luns sae o suplemento de Líder, encartado en La Voz de Galicia, que fai un resumo completo de cada xornada do fútbol base da provincia, coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo como patrocinadora principal.

O deputado provincial Efrén Castro foi o encargado de saudar aos asistentes e sortear a orde de saída dos equipos. Na entrega, tamén estiveron presentes Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo; Maite Ferreiro, concelleira de cultura; Óscar Gilsanz, exadestrador do Real Club Deportivo da Coruña; David Guitián, balón de ouro no 2021; Carlos Méndez, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol; Jose Ventura de Ditran Automoción; e Roi Conde, xerente de Carrefour.

Houbo un total de 116 premiados e cada un recibiu un póster personalizado, deseñado por Rebeca Fernández, que representará para sempre este momento. Os equipos ideais, configurados polos votos realizados por adestradores e capitáns, nomearon un MVP, quen accede á fase final para competir polo Balón de Ouro.

Durante a gala entregáronse os premios aos MVP das diferentes categorías. En prebenxamín provincial o galardoado foi Saadat Ibrahim (SCD Piringalla); en benxamín provincial, Breogán Poyatos (Río Ouro); en alevín provincial, o MVP foi Lorenzo López (Sagrado Corazón); en infantil provincial Segunda FútGal, o gañador foi Adrián Abuín (Ceosport Lucense); en infantil primeira, Pelayo Juiz (Calasancio); en infantil División de Honra e Preferente, Iago Malfeito (CD Lugo); en cadete Provincial Segunda FútGal, Xavi Pérez (SD Viveiro); en cadete Primeira FútGal, Iago Rouco (Racing Villalbés); na categoría cadete Honra e Preferente, Javi Armesto (CD Lugo A); en xuvenil Provincial Segunda, Luca Corredoira (San Roque); en xuvenil Primeira, Manu Diéguez (Residencia); e na categoría xuvenil de Liga Nacional e Preferente, Andrés Silva (CD Lugo A), quen tamén recibiu finalmente o premio máis destacado, o Balón de Ouro 2025.

Ademais dos premios deportivos, entregáronse recoñecementos especiais. O premio XÁ Tradición, en memoria de Jorge Tato Rey, do Racing Villalbés, foi entregado a Portu, xogador do Antas, que acadou a Bota de Ouro como máximo goleador xuvenil con 19 tantos.

Tamén se rendeu homenaxe ao adestrador veterano Antonio Gómez, figura histórica do fútbol base lucense, e ao delegado arbitral Óscar Rivas Fernández, quen foi recoñecido polo seu traballo e traxectoria.