TERRA E XENTE | O |
29 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.FAI POUCOS días, La Voz de Carballo facíase eco da proxección exterior do profesor baiés da Universidade da Coruña Ricardo García Mira, visitante de varias universidades estranxeiras, unha británica e outra romanesa. Días despois, Santi Garrido salientou a gran actividade doutro profesor de Baio, o físico Jorge Mira, neste caso da Universidade de Santiago, que conseguíu traer á cidade compostelá a todo un Premio Nobel de Física, Heinrich Rohrer. Tanto Ricardo coma Jorge forman parte do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, do que son socios fundadores. Jorge Mira se por algo se caracteriza é polo seu ímprobo esforzo divulgador da física, por facer atractiva esta ciencia que habitualmente parece quedar reservada ó secretismo de científicos encerrados en catro herméticas paredes: por iso non ten reparo en participar en programas de entretemento nos medios de comunicación, malia que a alguén iso lle poida parecer pouco serio. Afortunadamente non son os únicos fisterráns -no sentido extenso do xentilicio- que destacan nas súas especialidades, pois de Baio tamén son os irmáns Outeda, asimesmo profesores universitarios; de Vimianzo, os irmáns Soto Castiñeira; de Cee é Francisco Caamaño, o xurista que arranxou o Estatut de Cataluña, e tantos outros que xa se me escapan. Quérese dicir que neste noso territorio occidental hai materia prima abondosa, e convén poñela en valor para superar certo complexo de inferioridade. Vese ademais que uns e outros están orgullosos das súas orixes e aproveitan calquera motivo para reivindicalas. Os habitantes da Costa da Morte tamén nos deberíamos de sentir fachendosos de sermos paisanos de todas estas persoas que están destacando, neste caso no eido científico, e esperar que todo isto redunde en ben de todo o territorio. A ver se as cousas de certo van cambiando, e así como dun tempo a esta parte se empeza a valorar a riqueza do noso patrimonio artístico e monumental (as antas, por exemplo) e a beleza das nosas paisaxes (os Penedos de Traba, por exemplo), que botan por terra a visión acomplexada e catastrofista dos que andaban dicindo que aquí non había nada que ver, que nada podiamos ofrecer aos forasteiros, tamén se empece a valorar a capacidade dos nacidos nestas terras da fin do mundo que aínda ningún político soubo sacar do subdesenvolvemento crónico. E iso que potencialidades hainas a eito.