«Vidal Bolaño enfronta a verdade revelada e a verdade científica»

M.?B.

CIENCIA

30 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) abriu a nova temporada de produción propia no Salón Teatro con As actas escuras , premiada obra de Roberto Vidal Bolaño que aínda non fora representada, e que a anterior directora do CDG, Cristina Domínguez, decidira levar ás táboas, labor que encargou a Xulio Lago.

-«As actas escuras» indaga no misterio dos restos do Apóstolo. ¿Cal é o fondo dese debate?

-Roberto indagou en feitos históricos como os que se produciron ao remate do século XIX cando Miguel Payá e Rico, arcebispo de Santiago, ordena as escavacións na procura dos restos do Apóstolo. Había 700 anos que non se sabía onde estaba o sepulcro. Parece ser que os atoparon. Pero Roberto cuestiona esa certeza do arcebispo e os investigadores do momento, escribindo unha trama na que entran en xogo as intrigas catedralicias, provocando un enfrontamento entre a verdade revelada ou consagrada e a verdade científica. En definitiva, ese é o fondo do debate. Pero ao marxe dos asuntos está a estrutura da peza: un teatro moderno de gran formato, difícil e magnífica peza dramática que ata este mes non se estreara.

-¿É, por tanto, unha obra que non dubidaría en recomendar aos peregrinos que chegan a Compostela?

-Si. Non é teatro documento pero é un teatro que ten esta función de provocar a reflexión e o debate sobre asuntos da sociedade na que se expresa.