«O libro está escrito sen complexidade, porque quero chegar a todo o público»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CIENCIA

Este próximo venres, ás nove da noite, presentará «A ciencia no punto de mira» no auditorio do pavillón de Baio

06 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ten escrito un cento de publicacións científicas no eido do magnetismo, ten feito moitas colaboracións para os medios de comunicación, é un conferenciante e un divulgador científico coñecido, pero este será para o físico Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) o primeiro libro de seu. Leva por título, nun bo xogo de palabras, A ciencia no punto de mira . Proximamente fará unha presentación aos medios e outra para o público na Domus de A Coruña, pero antes diso, a primeira parada será, como non, en Baio. Concretamente, no auditorio do pavillón polideportivo da localide, este próximo venres 8 de outubro, ás 21.00 horas.

-¿Podería facer un pequeno esbozo do contido do libro?

-En A ciencia no punto de mira conto as cousas que a min me chamaron a atención nos artigos científicos 'serios'. Os científicos temos a nosa maneira de comunicarnos entre nós os descubrimentos, en revistas internas, ás que non accede o público xeral, senón só os investigadores. Neles atopei cuestións que a min me resultaron interesantes e, nesta obra, o que fago é dixerilas, contalas coa miñas palabras. Por exemplo, falo de como lavar as mans axuda a aliviar a conciencia; de como a música de Mozart pode aumentar a intelixencia de quen a escoita; de como unha muller que toma cereais pode ter máis probabilidade de ter fillos varóns; ou de porque hai homes con máis tendencia á infidelidade ca otros simplemente por cuestión de xenes. Hai tamén capítulos dedicados a cuestións de sexo.

-¿Dende que punto de mira están escritos os capítulos?

-Dende o punto de mira de considerar que, cando se quere chegar a máis xente, hai que simplificar a mensaxe. Quero que estes temas científicos dos que escribín cheguen a todo o mundo, por iso podei toda a complexidade posible, para que os poidan seguir perfectamente dende rapaces ata maiores. Miña nai, acostumada a ter nas mans libros de ciencia que lle parecen complexos, cando viu este meu dixo que era diáfano. Iso gustoume. É o que pretendo.

-E xa que o título vai de xogo de palabras, ¿dende que punto de Mira chega esta obra?

-En primeiro lugar, escribina como científico divulgador. Como científico sobre todo, porque os temas dos que trato só son accesibles para investigadores, non chegan a un se só é divulgador e non científico. En segundo lugar, escribín o libro como Jorge Mira, porque nel falo de cousas que a min me gustan.