Ciencias do século XXI e do tempo de Antonio Casares

Francisco albo / aría caravel

CIENCIA

ROI FERNANDEZ

17 ene 2013 . Actualizado a las 06:45 h.

1Os alumnos do instituto monfortino A Pinguela tiveron onte ocasión de asomarse ás complexidades da física contemporánea da man de Héctor Álvarez Pol, profesor da Universidade de Santiago que abriu un ciclo de conferencias encadrado no programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC. Os avances da física nuclear na investigación do mundo subatómico e do universo foron o asunto desta charla. O ciclo continuará ata o 22 do mes próximo coa participación doutros sete profesores universitarios -Virgilio García Trabazo, José Miñones Trillo, Ángel Ruiz Pérez, Marisa del Río Araújo, Enrique Macías Virgós, María Victoria Otero Espinar, Isabel Neira Gómez e Gumersindo Feijoo Costa- que falarán de asuntos tan variados como a lingüística indoeuropea, a química da auga, os heroes de Homero, as técnicas publicitarias, a matemática moderna, a cultura emprendedora ou as relacións entre o consumo ou o medio ambiente.

Homenaxe en Lugo a un sabio monfortino

3A contribución científica de quen está considerado como o pai da química moderna en Galicia, Antonio Casares Rodríguez (1812-1888), xa se pode coñecer en Lugo. A Universidade de Santiago inaugurou onte na sala de exposicións da Deputación a mostra «Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade», que se poderá visitar ata o 15 de marzo. Deseñada por unha comisión de profesores con motivo do bicentenario do nacemento do célebre químico nacido en Monforte, a exhibición analiza a figura do que foi decano das facultades de Filosofía e Farmacia e reitor entre 1872 e 1888. Ademais de repasar a súa relación coa farmacia, o seu papel como fundador dunha estirpe de científicos ou o seu entronque coa burguesía do XIX, mostra material relacionado co seu labor analítico en campos como a espectroscopia, a análise de augas e viños, os anestésicos, os dictames periciais ou o descubrimento dos minerais morenosita e zaratita. Pero a exposición tamén repasa os seus experimentos coa luz eléctrica, xa que foi o primeiro en xerala en España, ou coa ciencia meteorolóxica, posto que montou o primeiro observatorio de Galicia. A exhibición constitúe o cerne do «Ano Antonio Casares Rodríguez», o ciclo co que a USC lle rende unha homenaxe. No acto de apertura da exposición participou, entre moitos outros, o seu tataraneto Juan Casares Long, actual reitor da USC

Begoña Barreiro, nova decana de Empresas

3A profesora Begoña Barreiro Fernández, do departamento de Organización de empresas e comercialización da USC, tomou posesión como nova decana da facultade de Administración e Dirección de empresas do campus de Lugo. O acto tivo lugar na Vicerreitoría e a el asistiron o reitor actual, Juan Casares, e o anterior, Senén Barro, así como os vicerreitores Pedro García Herradón e Pablo Ramil, ademais doutros membros do equipo de goberno. Completan o novo equipo directivo do centro universitario os profesores Fernando Losada e Sebastián Villasante. No seu discurso, Barreiro apostou por unha maior proxección exterior e a internalización da facultade para captar máis alumnos estranxeiros de grao e de posgrao.