A ciencia non covid do 2020

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

CIENCIA

20 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que neste 2020 só houbo flashes para a ciencia do covid, non pensen que o ritmo de éxitos no resto das áreas se detivo. Voulles poñer tres exemplos de avances extraordinarios das últimas semanas. Un grupo norteamericano acaba de conseguir reverter o reloxo biolóxico dun grupo de ratos vellos para conseguir que recuperen a súa visión (tamén en ratos cos nervios da retina danados). Fixérono reprogramando algunhas células (borrando as marcas do paso do tempo), facendo que volvesen ao estado de xuventude, co cal melloraban a capacidade de rexeneración. É un descubrimento abraiante (que se apoia no traballo do albaceteño Juan Carlos Izpisúa), un camiño cara ao elixir da eterna xuventude, posto que non fala só de deter o envellecemento, senón de converter o vello en mozo. Dous grupos (un coreano e outro de varios países europeos) acaban de fabricar células fotoeléctricas cuns novos materiais que teñen un aproveitamento de cerca do 30 % da enerxía do sol que lles chega, abrindo ademais camiño para ter eficiencias maiores. Un grupo británico colaborador de Google acaba de obter un sistema de intelixencia artificial que é capaz de predicir como vai ser a forma dunha proteína a partir da súa fórmula química. Predicir esa forma é equivalente a adiantar como funcionará esa proteína, un salto xigantesco na maneira de deseñar novos fármacos e outros sistemas, aforrando moito traballo de laboratorio. Non o dubiden: a meirande parte das esperanzas da humanidade saen da ciencia.