Ciencia e divulgación

Ramón Nicolás

CIENCIA

A escritora María Canosa
A escritora María Canosa SANTI GARRIDO

María Canosa fai un percorrido moi suxestivo por diversos aspectos da ciencia que rodean a nosa vida máis cotiá en «H2... Oh!!! Pingas científicas»

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño a convicción de que os libros de carácter divulgativo vinculados coa ciencia, nunha acepción xeral, constitúen hoxe por hoxe unha das máximas necesidades nos andeis das nosas librarías e bibliotecas, entre outras razóns porque temos pleno dereito a acceder a eses contidos na nosa lingua e tamén a difundilos e promocionalos entre a xente máis nova, tanto na casa como na escola.

A anteriores achegas que gozaron dunha magnífica recepción, e penso en achegas máis ou menos recentes que chegaron da man de Xurxo Mariño, Jorge Mira, Juanjo Lamelas ou da propia María Canosa, entre outros, súmase agora este H2... Oh!!! Pingas científicas, da devandita escritora ceense, e que conta con acaídas ilustracións baixo a responsabilidade de Luz Beloso. Ademais, o libro incorpora un limiar de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, onde insiste con acerto na importancia que posúe a divulgación da ciencia e, xustamente, ese é propósito confesado e manifesto deste libro.

María Canosa, así pois, realiza un percorrido moi suxestivo por diversos aspectos da ciencia que rodean a nosa vida máis cotiá. Ás veces adopta un rexistro mesmo desenfadado, pero nunca exento de rigorosidade e nel sempre abraza unha clave discursiva accesible para calquera persoa que desexe coñecer máis ou solventar curiosidades que, en moitas ocasións, é probable que nin sequera chegara a se formular. Velaí, así pois, un percorrido solvente que responde preguntas como poden ser a razón de ser das distintas cores ou do número pi; tamén se desvelan, por exemplo, as causas que explican que se produzan espellismos ou se achega a asuntos que se vinculan con realidades próximas da fauna e da flora, sen esquecer tampouco as claves de comportamentos que afectan ao propio corpo humano e os seus mecanismos de funcionamento. Sen dúbida, un libro imprescindible e necesario.