A calculadora científica ClassWiz de Casio é a primeira que aprende a falar galego

LA VOZ

CIENCIA

PACO RODRÍGUEZ

O dispositivo, que contará cunha versión coa imaxe da enxeñeira lucense Ana Freire, foi presentado na Facultade de Matemáticas da USC

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Shakira puxo os reloxos Casio no mapa, pero non foi quen de ensinarlles a falar galego. Onte, na Facultade de Matemáticas da USC, a empresa, en colaboración coa Xunta e a propia universidade, presentaron o novo modelo da súa calculadora científica ClassWiz, a primeira que fala a lingua de Rosalía e Castelao.

O acto veu a pechar o chamado como mes das Matemáticas, e que a decana do centro, Elena Vázquez Cendón, definiu como «broche de ouro». Foi así trala presentación do modelo desenvolto dende a división educativa de Casio, deseñado por e para docentes, e que atende ás melloras solicitadas polo usuarios, ofrecendo unha calculadora científica máis intuitiva e sostible.

Tamén se anunciou a incorporación nunha das súas tapas da imaxe da galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platformas), que se suma así á colección #científicasCasio, da que forman parte grandes nomes da historia da ciencia como Ada Lovelace ou Marie Curie. A Classwiz xa está dispoñible coa ilustración da enxeñeira lucense, obra da artista galega Lula Goce.

No acto estivo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que admitiu a «importancia que supón a incorporación da lingua galega ás tecnoloxías, especialmente nun caso como este, que implica a oferta do galego á comunidade científica e ao amplo abano de usuarios que poden usala». Outros participantes foron o director xeral de Casio España, François Vilaprinyó; o presidente da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas, Julio R. Taboada; as doutoras Cristina Naya e Ana Freire; así como Eloy Bernal, da división educativa de Casio.