Socorro Castro, Química e integrante da organización na Coruña do Pint of science: «A fronteira entre ciencias e letras é un invento, realmente non existe»
CIENCIA
Ata o mércores celébranse estas charlas divulgativas no bar Árnica e na Olímpica
13 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Esta tarde, mañá e pasado ás 20.00 horas, no bar Árnica da rúa Herrerías e na Olímpica de Alfredo Vicenti, terá lugar unha nova edición de Pint of science, un ciclo de charlas científicas regadas con cervexa que leva acumuladas na cidade seis edicións. Unha cita que se fai ao mesmo tempo en 25 países, «e en España en 67 cidades das cales sete son galegas», explica Socorro Castro (Sobrado, 1966), química e membro da organización.
—Que ten que vez a cervexa coa ciencia?
—Pois que aínda non coñezo a ningún científico ao que non lle guste a cervexa [ri]. É o que teñen a cervexa e a ciencia, que teñen que ver con todo. De feito isto naceu de que se falaba moito nos bares de ciencia con todo o mundo. Se queres que a xente, aínda que teña curiosidade polo tema, coñeza as investigacións científica, que é o que se fai nos sitios nos que se fala habitualmente de ciencia, como as universidades, tes que sacar o tema de alí. A xente non acude tanto como aos bares, que están cheos de mesas nas que, se hai un científico, chega un momento no que a xente lle empeza a preguntar cousas.
—O bar non ten fama de ser o lugar onde se fala con máis rigor.
—Da igual que nos atopemos nun bar ou nun laboratorio, os científicos falamos sempre con rigor por deformación profesional. Adaptamos o discurso ao nivel da xente que nos está escoitando, pero co mesmo rigor co que llo podo contar aos alumnos dunha clase de química ou a un colega. O que buscamos, precisamente, é que os poñentes sexan científicos cunha traxectoria avalada, e que saiban transmitir os seus coñecementos, por iso facemos unha selección moi estrita. Non é mera divulgación, queremos que sexa o máis rigoroso posible.
—Contan cunha boa fonte de posibles poñentes na Universidade da Coruña.
—Neso temos moita sorte, porque na universidade temos divulgadores científicos recoñecidos a nivel nacional e internacional, pero tamén unha canteira con xente menos coñecida, pero que son uns divulgadores marabillosos. Na miña facultade, en Química, temos uns grupos de divulgación entre os estudantes que fan unhas cousas fantásticas.
—Se elixe primeiro ao poñente ou o tema que se quere tratar?
—É todo simultáneo. O primeiro é crear un equipo que o organice. E iso soe xurdir da maneira máis aleatoria, tirando de amigos e compañeiros. E despois os temas das charlas dependerán do coñecemento de cada poñente e do que marque a actualidade. No noso caso, na Coruña, fixemos unha tormenta de ideas da que saíron nomes de diversos divulgadores e, sobre iso, fixemos unha selección cos temas que nos parecían máis adecuados e apetecibles.
—Van falar de temas de actualidade, como o cambio climático.
—Claro, intentamos que os temas sexan de interese para a xente. Pero tamén che direi que a ciencia ben contada é sempre interesante, esperta a curiosidade de todo o mundo, independentemente do tema. Iso non quita que se anuncias que vas falar de cambio climático, pouco máis hai que explicar para que a xente se interese. Outras cousas máis concretas poden precisar de máis publicidade.
—É que outra charla é sobre o mundo dos péptidos, que igual é algo apaixonante, pero...
—Pero si os péptidos están moi de moda! Saen en calquera anuncio de cosmética. A xente compra produtos para botar no pelo ou na cara que levan péptidos. Pagamos unha pasta gansa por eles. Pero non temos nin idea do que son. E temos outra charla sobre baterías, precisamente agora que todo o mundo está preguntando se compensa mercar un coche eléctrico ou híbrido e como funcionan as baterías. E de iso pasamos a falar das bestas salvaxes, de como axudan a manter os nosos montes limpos.
—Sorprendeume que unha das charlas trata sobre desinformación e democracia.
—É fundamental meter temas de ámbitos moi diversos. Temos que borrar esa fronteira entre o que chamamos ciencias e as letras, porque é un invento, realmente non existe tal barreira. Contamos con xente de Socioloxía, de Dereito, de Química e de calquera disciplina.
«Os humanos somos curiosos por natureza e un tema ben contado interésanos»
O movemento Pint of science comezou en maio de 2013 en Reino Unido. «Pero no ano 2006 xa había aquí en Galicia unha cousa que se chamaba Cafés científicos, que facían Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, dous neurocientíficos do grupo Neurocom da UDC», conta Socorro Castro.
—Como se toman os bares a proposta de facer charlas científicas?
—A primeira vez poñen cara rara, non entenden a proposta á primeira. Pero é unha relación da que saímos todos beneficiados. O bar quere que a xente tome algo. Pois iso non quita que se poida atender a unha charla. É máis, entre cada tema deixamos tempo libre para que a xente fale e se achegue á barra a pedir algo. Ademais, ter a garganta ben hidratada é fundamental para poder facer despois moitas preguntas.
—Repiten no Árnica e na Olímpica.
—Si, xa estivemos o ano pasado, así que xa non tivemos que dar explicacións. Por outra banda son perfectos, porque son bares de dúas zonas diferentes: Cidade Vella e Riazor. Na anterior edición houbo tanta xente que xa nos preguntaban se este ano non ía haber Pint of science. Pero o mellor de todo é que estivemos poñendo carteis por outros bares e ningún puxo problema, a pesar de que é publicidade para a competencia. É máis, algún dixo que quería poñer o local a nosa disposición para facer charlas.
—Ao final a todo o mundo lle atrae o tema científico.
—É que os humanos somos curiosos por natureza. A todos nos interesa a ciencia e calquera tema a pouco que estea ben contado. Ademais, despois na cena de Nadal podes cuñadear con máis xeito co que aprendes nestas charlas [ri].