
Para crear baséase na vida en xeral, en vivencias e preocupaciónsIsabel Soler Rivas Artista
26 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Inda baixo a máxica conmoción que me produciu a escultura erixida nos Xardíns de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, en homenaxe ás vítimas de xénero, achegámonos a Isabel Soler Rivas, a súa autora, nesta entrevista que repasa as persoais visións sobre o teórico e poliédrico mundo da arte e a súa práctica xenerosa e cotiá.
?Que é a arte para ti, á parte dun estado de ánimo?
—Para min a arte non é un estado de ánimo. É algo máis global a nivel persoal, implica toda a túa persoa e reflíctese no teu día a día como unha forma de vivir, de entender o mundo e expresarte nel e sobre el: emocións, vivencias, coñecementos, expectativas…, todo está interconectado continuamente.
?Fálanos dos teus inicios no mundo da arte. Vocación ou profesión?
—Nunca houbo un inicio, veu de serie jjj. É algo inseparable da persoa. No meu caso non hai principio nin fin, estea a facer o que estea a facer. Gustaríame que se convertese en profesión o máis liberal posible, xa que para crear necesítanse uns tempos e uns espazos psicolóxicos que, o ter que dedicarse a outro emprego remunerado non permite, ou restrinxe moitísimo. A creación artística precisa de dedicación completa, o que eu polo de agora non me podo permitir.
?Entre a escultura e a pintura, con cal te quedas? Por que?
—Considérome artista, ou creadora, multidisciplinar. Cando era pequena, como daquela as informacións que me chegaban sobre a arte eran máis ben escasas, quería ser pintora. Por circunstancias de oferta educativa que tiven ao alcance, formeime en primeiro lugar en escultura, despois en gravado, e logo en imaxe. Ao final, a pintura situouse curiosamente no último plano.
?Cal é o estado da cuestión hoxe en día, en pleno posmodernismo? Cara a onde camiñamos?
—Cara a onde sempre: a arte sempre foi da man dos avances científicos e sociais, aínda que estivese «secuestrada nalgunhas épocas polos poderes fácticos» e vinculada a economías privilexiadas (que non sempre acompañadas de formación privilexiada). Na actualidade seguimos nunha liña moi similar. Aínda o outro día saíume no Facebook o anuncio da guía definitiva para mercar arte emerxente antes de que se convertese en inalcanzable economicamente. Parece ser que dan unhas liñas para saber onde radica a calidade artística hoxe en día… Iso, a que soa? Alguén, con algún interese económico, ten que haber detrás. Para que parecese de fiar a noticia, nomeaban a coleccionista millonaria estadounidense Peggy Guggenheim, que apostara, para facer a súa colección e aumentar a súa economía, por métodos similares.
?Por que estilo artístico te decantas na actualidade, tanto en pintura coma na escultura?
—Nunca tiven un estilo, como tal, predilecto. Vin, e sigo a ver, todo tipo de arte de todas as épocas. É certo que o que máis me chama a atención é a arte conceptual, cun xogo algo estético. E, por nomear outras épocas, inspírame a pintura románica.
?Figuración ou abstracción?
—A miña obra baséase fundamentalmente na figuración, aínda que traballada cun estilo persoal, digamos.
—Formación regrada ou autodidactismo? Vantaxes e inconvenientes de cada un deles
—A formación regrada ten ao seu favor que abre campos de coñecemento e, sobre todo, desenvolve maneiras de pensar, tan diverxentes, que fan crecer e enriquecer a traxectoria persoal de maneira clara. En concreto refírome á formación universitaria. Pero hai que andar con tento, porque pode limitar a frescura e fluidez na creatividade, xa que segue a ser, digamos, moi «academicista». É dicir, igual que ocorre no mercado da arte, nos estudos artísticos adoita haber «privilexiados» formadores que teñen a potestade de asegurar «isto si, isto non», o que pode ser coartante se non se sabe aproveitar a favor.
O autodidactismo ten a vantaxe da frescura e da fluidez, pero podería resultar estereotipante por falta de percorrido conceptual, se non se está disposto a mirar máis alá do que a unha lle sae de dentro en forma de ocorrencia.
?Técnicas e materiais que acostumas usar decotío
—Como mencionei, considérome multidisciplinar, polo que adapto as técnicas ao requirimento da idea ou do contexto: pintura, escultura, vídeo, fotografía, instalación…
?Os teus modelos a seguir en pintura e en escultura
—Para crear baséome na vida en xeral, vivencias persoais, preocupacións sociais…, e fíxome especialmente, en canto á arte, en obra o máis actual posible, tanto de artistas consolidados como emerxentes ou totalmente anónimos, ou dun só hit. De feito, o mellor é esa sorpresa que levas cando vas a unha galería sen moita sona, ou a unha sala de exposicións calquera, e aí ves algo que te emociona, sen coñecer a súa procedencia. Por ese motivo non adoito atreverme a dicir nomes, porque non os teño en mente. Aínda así, e curiosamente, a pesar de seren abstractos, podería dicir que, en canto á pintura, emociónanme o pintor e gravador estadounidense nado en Letonia, Mark Rothko, e o escultor británico nacido na India, Anish Kapoor.
Coleccionista de premios
Isabel Soler Rivas, nada na Pobra do Caramiñal, é licenciada en Belas Artes pola Universidad Autónoma de Madrid (2008-2013). Posúe un Máster en Arte Contemporánea e Investigación realizado na Facultade de Belas Artes (2014-2016) da Universidade Vigo. E, ademais, obtivo o I Máster sobre a Obra Gráfica Contemporánea, da Fundación Centro Innovación Circular (Betanzos). Colaborou como bolseira na Universidad Complutense de Madrid e na UVigo durante os anos 2012-2016.
Exposicións. En canto a exposicións realizadas, destacan: Galerías de Arte Eme-C (Santiago) La Galería de Papel (A Coruña); 2005-2006 Itinerante Castilla León Técnicas y Tendencias del Arte Gráfico, CIEC (Madrid) e Caja Duero. 2013-2024 Edicións II, VI, VII, VIII, IX de BarbantiaRte, no Museo do Gravado de Artes (Ribeira). 2014 Edición número 23 do Libro Obxecto ST, La Des-memoria, terceira edición. Feira máis que libros —Feira Internacional de Libros de Artista—, do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. 2014 Individual, terceira edición, Festival Miradas de Mulleres. Domesticación. El Foro de Pozuelo (Madrid) (Mujeres en las Artes Visuales). Goberno de España. 2014-15 Feira de Arte Contemporánea Cuarto Público. Hotel NH Collection. Santiago de Compostela. 2023 Galería Arriaza 11. El Foro de Arriaza, 11. Madrid.
Premios. No tocante a premios, Isabel Soler Rivas ten acadado diferentes galardóns ao longo da súa carreira artística: primeiro V Premio de Grabado. Comunidade de Madrid e Distrito do Retiro (Madrid). 2009 Foi seleccionada para o VI Premio Obra Gráfica. UCM. Madrid. 2009 Mención de honra, XII Certame de Pintura Rápida. Concello de Guadarrama. 2023 Primeiro premio de escultura monumental, concurso de ideas e posterior execución dunha escultura orixinal do Concello da Pobra do Caramiñal, homenaxe ás vítimas da violencia de xénero coa obra Como agua, que se pode visitar de forma permanente nos Xardíns Valle-Inclán da Pobra.
Máis obra. Hai obra súa en coleccións e museos nacionais e internacionais: no Museo CIEC, no Concello de Malpica de Bergantiños, na Biblioteca Nacional de Madrid, no Ayuntamiento de Madrid, no Museo Frida Khalo (La Casa Azul) en México DF, así como no Concello da Pobra do Caramiñal.