A ciencia sempre mellora

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

CIENCIA

La misma tecnología que se utilizó para el covid será la empleada para las vacunas contra el cáncer
La misma tecnología que se utilizó para el covid será la empleada para las vacunas contra el cáncer Dado Ruvic | REUTERS

18 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O progreso científico é un edificio que vai mellorando coas contribucións de cada xeración. Fíxese no seu móbil, no avión que pasa por riba da súa cabeza... son prodixios posibles grazas á evolución dun saber que se foi acumulando dende as orixes dunha humanidade que foi aprendendo o que funciona e o que non. O grao de excelencia é común a tódalas disciplinas científicas, incluídas as médicas e, entre elas, as que teñen que ver coas investigacións en vacinas. Dende finais do século XVIII, o progreso nesa área tamén medrou moitísimo, e nos últimos tempos está a dar pasos cualitativos espectaculares.

Paradoxalmente, o presidente electo de EE.UU. vén de designar como próximo responsable da saúde dese país a un activista antivacinas, un síntoma dun negacionismo científico á alza no mundo civilizado. Unha das orixes do problema pode ser que a distancia entre a ciencia punteira e o coñecemento medio da cidadanía é cada vez maior, e amplos sectores da poboación deixan de percibir o nivel de tecnoloxía que acadamos. Como non o coñecen, mesmo poden chegar a negalo ou a considerar que é máis simple do que realmente é.

O triste é ver como eses discursos se normalizan. Hai uns días escoitaba a un comentarista dicir con total tranquilidade que «las predicciones meteorológicas fallan siempre», cando o que ocorre é xusto o contrario: as predicións teñen unha taxa de éxito cada vez máis elevada. Síntomas de algo máis grave: dun negacionismo que se converte en negativismo.