Máis do 70 % do profesorado de matemáticas impartiría a súa materia en galego se puidese escoller
CIENCIA
«No actual contexto sociolingüístico de Galicia non debería desaproveitarse o potencial dun corpo de profesionais dispostos a utilizar a lingua propia», afirmaron varios expertos nunha revista científica
30 dic 2025 . Actualizado a las 20:12 h.A coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, María López-Sández, e o tamén investigador da USC Alejandro Doval Casas asinan o artigo que pecha o número 42 da revista Cadernos de Lingua que dirixe o académico Manuel González. O documento analiza a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego a partir do contraste dos datos contidos e analizados nunha primeira achega do Seminario de Sociolingüística, Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión (2022) e dunha investigación empírica baseada en 241 enquisas entre docentes de matemáticas de ensino secundario.
Os resultados destes artículos ratifican a fenda observada na devandita monografía, cunha maior tendencia ao uso monolingüe do galego fóra do centro educativo en homes (39,2 % fronte ao 34,8 % de mulleres, +/- 4,4 %), e inversamente unha maior porcentaxe de mulleres monolingües en castelán (20,5 % fronte a 17,6 % de homes, +/- 2,9 %). Os datos contrastan en calquera caso coa resposta á pregunta aos docentes de cal sería a lingua na que impartirían as súas clases se a escolla fose exclusivamente persoal, allea a condicionantes externos: a maioría absoluta, máis do 70, elixe o galego, sen que se observen diferenzas significativas entre xéneros.
«No actual contexto sociolingüístico de Galicia non debería desaproveitarse o potencial dun corpo de profesionais competentes e dispostos a utilizar a lingua propia no ensino dunha materia de alto prestixio social como son as matemáticas. Consideramos, de feito, que esta é probablemente a conclusión principal do estudo, que transcende a análise estrita do parámetro de xénero», concluyen López-Sández e Doval no artigo.