Como a moitos, a min sempre me fascinou a figura e vida de Marie Curie (Maria Sklodowska), unha muller asombrosa sostida por unha vontade de ferro, un incrible poderío e un perfeccionismo obstinado e ata obsesivo que foi quen de descubrir o polonio e o radio pese ás inmensas dificultades que tivo que atravesar. Unha desas dificultades foi, sen dúbida, o feroz machismo imperante na sociedade na que lle tocou vivir. Ela non deixaba de ser unha intrusa entre esa comunidade científica formada por homes. Mais esa polaca orgullosa nunca quixo verse como vítima. Marie Curie dedicou a súa enerxía, intelixencia e vida á investigación en beneficio da humanidade enteira, contribuíndo tamén, indirectamente, a facernos o camiño un pouco máis doado ás mulleres de hoxe.
En 1902, tras manipular ata a extenuación e con esforzo titánico toda unha montaña de pedra (pecblenda), conseguiu un decigramo de cloruro de radio suficientemente puro para poder medir a súa masa. Casada co tamén científico Pierre Curie, que compartiu con ela o Premio Nobel de Física —anos máis tarde, Marie recibiría tamén, en solitario, o Nobel de Química—, o astuto Frederick Soddy afirmou deles: «O maior descubrimento de Pierre Curie foi Marie Sklodowska; o maior descubrimento dela foi… a radiactividade». O 11 de febreiro celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia, unha data para lembrar ás marabillosas mulleres da ciencia, incluída aquela polaca orgullosa que tivo que loitar nun mundo que lle dicía que non era, que non servía, que non correspondía, e no que tamén a ela lle resultou difícil non sentirse unha «allea impostora» nese masculino mundo da ciencia.
Un aplauso cheo de admiración para ela. Para todas elas!