Centos de persoas achéganse ó Salón do Libro Galego nos xardíns de Méndez Núñez «Elrond falou coa súa voz clara sobre Saurón e os Aneis de Poder e a súa forxa hai moito tempo, na Segunda Idade do mundo». Frodo Bulseiro recibiu onte ós visitantes do Salón do Libro Galego sentado nun sillón azul. Nese mundo, a media xornada entre a realidade e a ficción, atópanse dende hai dous días máis de vinte mil exemplares da literatura galega. Centos de persoas achegáronse onte á carpa que acolle ó Salón, que manterá as súas portas abertas ó público ata o vindeiro domingo.
17 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Mergullándose entre as miles de historias apiladas baixo a carpa, saen á superficie as cartas recibidas por Emilia Pardo Bazán («con cariño de Galdós»), o recén editado O Señor dos Aneis , ou títulos cando menos curiosos como o Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo , publicado por José Cornide en 1788. Saúde fantástica «A saúde da literatura galega é fantástica. Hoxe fanse mellores edicións e publícanse máis volumes que nunca», suliñou a presidenta da Asociación Galega de Editores, Fabiola Sotelo. Sen embargo, ese estado de gracia non se traduce en éxito editorial. «As vendas non van tan ben. De todos modos, no último trimestre subiron os índices de lectura». A pesar de todo, a máquina rexistradora funcionaba a boa velocidade onte no Salón. Quizáis, a rebaixa dun dez por cento en todas as compras foi o que animou os índices de lectura. Turismo «Me llevo un diccionario gallego-castellano», di Antonio Montero, que atopou a carpa mentres facía turismo. Sorriso comprensivo e ollos intelixentes, deses que viviron moito máis do que conta, este visitante accidental descrebe ben o salón: Unha combinación de obras en galego e castelán, todas vencelladas a Galicia, que desexan ser descubertas. Ademáis, o lector pode atopar varias sorpresas. Onte, por exemplo, os escritores Tucho Calvo, Xavier Alcalá, Luz Pozo Garza e Pilar Pallarés estiveron asinando exemplares. Tamén sorprenden os libros que poden chegar ata 350 euros. Sen embargo, segundo comenta Cristina Martínez, que representa á librería Universal no Salón, o máis caro do mercado ata agora só custa preto de trinta euros e leva por título Los señores de Galicia, tomo 1 .