Os turistas que chegaron pola mañá á torre de Hércules vironse rodeados por 6.900 escolares da Coruña e comarca que reivindicaron de xeito festivo o uso da lingua galega
24 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Faltaban uns minutos para as once da mañá. A subida a torre de Hércules foise enchendo de rapaces. Pancartas, camisetas e cintas na cabeza reivindicaban o uso do galego: «Xogas? En galego gañamos», ese era o lema do Correlingua deste ano e así aparecía nas camisetas dos escolares de Cee. Os do IES Alfonso X, da Barcala (Cambre), apostaron polas camisetas brancas nas que se confesaban «Galegos de por vida». Desde Malpica chegaban mensaxes como «O galego é vida» e «O galego triunfa», mentras que os alumnos de Curtis fixeron unha pancarta que dicía: «Usa o galego, dá que falar». Na mesma liña estaba a de «O galego é o noso sangue, non o derrames» Entre os 6.900 escolares asistentes («Aquí os números non menten, son os que están nos listados dos colexios», dicía Xan Costa, presidente da AS-PG, mentres repartía pegatinas) moitas conversas dos escolares non coincidían coas pancartas: «Es que el instituto no puso todo el dinero...», «Neno, yo es que flipo...». Eran galegos falando castelán, mentras unha rapaza de trazos chineses falaba nun fermoso galego. A saia de Carolina Noutros grupos a aposta era pola canción, desde o «pousa, pousa, pousa, non me toques naquela cousa...» ata a saia da Carolina. Tampouco faltaban os preocupados pola imaxe: «Poñédevos juapos que vén aí a televisión». E polo medio de todos os mestres dando unha que outra indicación e os asombrados turistas que pensaban aproveitar a soleada mañá para facer unha tranquila visita á torre de Hércules e atoparonse rodeados de escolares. Desde a Torre ata os xardíns de Méndez Núñez onde Xavier P. Docampo leu o manifesto que remata «¡Galiza, érguete e volve ser quen eras!». Antes da entrega dos regalos actuaron Alberte Momán e o Xabarín Club (11.281 socios na Coruña). E todo fronte o cartel da exposición do Kiosco Alfonso que ten como subtítulo «Esperanzas e ideales».