«Poder vivir do que che gusta, de tocar a gaita, non ten prezo. Foi sorte»

A CORUÑA

O 7 de abril o grupo canadense

The Real Mckenzies sacou novo disco, Rats in the Burlap. Na portada do vinilo aparece un retrato dos compoñentes desta formación de punk-rock escocés. O segundo pola dereita é Luis Cao, Aspy, (Cambre, 1986). Porque este rapaz converteuse hai xa catro anos no gaiteiro dun grupo que leva 23 anos dando guerra sobre escenarios de todo o mundo. Agora acaban de rematar a súa xira por Canadá e o norte de Estados Unidos. A semana pasada comezaron en Berlín a súa nova xira europea.

-O seu con The Real Mckenzies foi produto da casualidade. Bastards on Parade, o grupo no que tocaba antes, foi teloneiro en Vigo. Aí empezou todo, ¿ou non?

-O que pasou foi que quedaron sen gaiteiro en Turín e despois tiñan outro bolo en Roma. O manager do tour europeo contactou entón comigo e xusto xa cando me preguntou, aceptei. Pero pensei que xa atoparían a outro. O que pasa é que logo xa vin que me mandaban os billetes e todo o itinerario e pensei: «Pois vai en serio». Foi crazy, pero ao día seguinte estaba voando a Roma.

-Ademais vostede tocaba a gaita galega de toda a vida, non a escocesa.

-Naquela primeira aventura levei unha gaita galega, para a seguinte xira xa me mercaron eles unha gaita escocesa, que é coa que toco agora.

-¿Hai moitas diferenzas entre unha e outra?

-Puff, hai bastantes. Na escocesa hai que soprar máis, apretar máis. A palleta é diferente, máis grande e grosa, ten tres roncóns. Na gaita galega se toca en aberto, na escocesa en pechado... Os primeiros días foi máis duro, pero como sempre me gustou tocar, non tiven problema.

-E alá foi. E aí está preparado para a nova xira por Europa.

-A verdade é que estar con eles estes catro anos é unha experiencia moi boa. Estiven en varios tours por EE.UU., Canadá e Europa. Na última xira, da que acabamos de chegar, tamén fomos nun cruceiro entre Miami e as Bahamas... Iso foi un festival que creo que era a primeira vez que se organizaba polo San Patricio. A experiencia de ver diferentes cidades do mundo é guai, pero o mellor é poder vivir de tocar a gaita. Poder vivir do que che gusta non ten prezo. Foi sorte, foi sorte. Ademais, eu son moito de tocar en directo.

-En EE.UU. e incluso en países como Alemaña tocar en directo é moito máis común que aquí ¿ou non?

-Hai moito máis costume. Está máis arraigado o de facer concertos en directo. En Alemaña, por exemplo, hai moito.

-Agora acaban de sacar novo disco...

-Acabamos de editar un novo disco, Rat in the Burlap, que foi gravado en San Francisco no estudio Fat Records. Xusto hoxe voulle levar un aos de Vazva, que son patrocinadores do grupo. Conta coa colaboración de Fat Mike, cantante de Nofx, o dono de The Fat Records, pero tamén de Little Jou, o baixista de Lawagon.

Tres millones de gallegos

Este músico de Cambre leva catro anos co famoso grupo de Vancouver

?

Luis Cao, Aspy

Gaiteiro de The Real Mckenzies