«Non me movo por criterios de mercantilismo electoral»

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

O nacionalista considera que a política debe ser un debate de ideas e quere promover unha maior xustiza social

21 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun momento de eclosión de novos partidos e de fusións de forzas para renovar o panorama político, o BNG decidiu seguir a súa propia liña. Xosé Manuel Carril Vázquez (Londres, 1969), profesor de Dereito na UDC e portavoz durante os últimos catro anos, ten clara a decisión tomada e os seus criterios lonxe do calculismo electoral. «Eu non vivo disto», di con humor xustificando as súas posturas.

-¿Por que non se integraron na Marea?

-Porque temos proxectos distintos que parten dunha análise diferente. Hai un conflito e hai que tomar parte por quen padece, algo que non é novidoso, senón clásico: a explotación dunha maioría por parte duns poucos. Fronte a iso nós cremos que hai que apostar por políticas galegas e de esquerdas.

-O día 25, ¿a prioridade será botar ao PP a calquera prezo?

-Esa decisión non é de Carril, que non é un líder ou un caudillo. Fixemos asembleas itinerantes e esas decisións haberá que tomalas neses órganos. Non é só que goberne o PP, precísanse políticas de esquerdas e galegas. Gobernar non é un fin, senón un medio para resolver problemas.

-¿Vese formando parte dun tetrapartito con Ciudadanos?

-Non me vexo en ningún escenario. Me verei no lugar onde todos, nas asembleas, decidan. Máis que nada serve evitar que goberne o PP se vai seguir habendo políticas de dereitas. Non me pode condicionar que goberne o PP, senón que condicióname a necesidade das persoas

-¿Que diagnose fai do nacionalismo neste momento?

-É un proxecto de liberación social porque aposta pola emancipación social, e non é un proxecto no que esteamos solos, seguimos co traballo de quen nos precedeu: as Irmadades da Fala, o Partido Galeguista. Ten as súas dificultades neste momento, con moita oferta electoral. Tamén agora xógase máis co espectáculo que coa presenza real. Pero eu non me movo por resultados electorais nin condiciono as mensaxes por réditos electorais. Neste momento a política non é unha asistencia, senón un reality show, e non se pode actuar como se a política fora unha representación. Hai que vivila desde a honestidade, con independencia de que nos voten ou non.

-Nos plenos foi vostede dos poucos que nunca entrou no persoal nin nos enfrontamentos verbais. ¿Por que?

-Porque a política é un confronto de ideas, non agresións persoais. Se pasa a ser un reality non vamos a resolver os problemas de fondo e imos a facer que cada vez máis a xente se desapegue do ben común. Se a convertemos nun espectáculo, a democracia acabará ferida e erosionada. Eu non estou condicionado polo que fagan os demais, senón polo que eu penso. ¿Iso vende? Non o sei, pero eu non me movo por criterios de mercantilismo electoral. Eu penso que os veciños son persoas capaces e responsables, non viven na minoría de idade. Os votos non poden condicionar o que pensamos.

-Pero son precisos para gobernar. ¿Que fará se o BNG baixa en representación o día 24?

-As decisións tomaranse colectivamente. Máis alá diso o BNG vai seguir traballando como até agora. De feito non me sinto en campaña, fago o que fixen os últimos catro anos.

-¿Que é o que menos lle gustou destes catro anos?

-Coas políticas de austeridade houbo seguidismo, non contención. Podemos ter dinamizado os nosos sectores produtivos ou variar a política fiscal buscando unha maior xustiza fiscal, pero non a houbo, senón máis IBI, encarecemento da auga, do lixo, novas taxas, non se revisaron a concesións, privatizouse case todo, aumentou a débeda non para xerar emprego, senón polo capricho elitista, excluinte e sectario da Marina e o Parrote. Hai barrios desatendidos e houbo unha substitución da solidariedade do público pola caridade e a beneficencia.

-¿E fronte a iso?

-Temos un programa de 1.200 propostas falado con todos os colectivos.