Mar Guerra presenta «Norteáns», unha viaxe pola cultura castrexa

La Voz

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

A periodista e escritora fai un retrato da sociedade prerromana que poboou Galicia e o norte de Portugal

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Norteáns (Xerais) «leva un mapa porque os personaxes vanse movendo entre Galicia e o norte de Portugal. Castrexizo os nomes, pódese dicir así». Isto contaba Mar Guerra, a autora desta novela que presenta hoxe, ás 19.00 horas na Fnac, nun acto no que a escritora estará acompañada polo director da editorial, Manuel Bragado, e o concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande.

En Norteáns a periodista e escritora que gañou o premio Merlín coa obra Xenaro e a mochila verde fai unha viaxe pola cultura castrexa retratando a sociedade prerromana que poboou Galicia e o norte de Portugal. Curiosamente, ao longo dos cinco anos que estivo traballando nesta novela, nas escavacións que se fixeron no castro de Santa Tegra descubriron outro asentamento castrexo debaixo do mesmo, algo que Mar Guerra apunta na súa novela: «Sei dese achado; esta novela leva escrita, se non completa, moito tempo e polo camiño houbo descubrimentos, nada espectaculares, que viñeron dar a razón ao contexto digamos etimolóxico, arqueolóxico e etnográfico da novela».