«Cantata Torre de Hércules» e Ramiro Cartelle

Antón de Santiago TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

XOSE CASTRO

09 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

OInstituto José Cornide de Estudios Coruñeses, que agora dirixe Xosé Antón Fraga, está en andaina de grande actividade. Inicia a segunda época da súa Revista, presentada o día 12 de xuño último, lectura de discursos de ingreso dunha nova xeira de numerarios e conferencias.

Honrado coa chamada, fixen a lectura do meu o 24 de maio anterior. Trataba de A Coruña na Música do Rexurdimento. A Cantiga Lírica Galega. Inexorable percorrido por unha rica experiencia de musica cultivada que nace na segunda metade do S. XVIII, importada de Italia, se nutre no XIX, para deixar pegada inmarcescible, do vizoso Rexurdimento poético: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Pondal, e musical: Marcial del Adalid, Andrés Gaos, Xoán Montes, Castro Chané, Baldomir, para crear unha linguaxe músico-poética propia, emotiva e fermosa. Deixando constancia asemade de todas as actividades xurdidas na cidade como o Circo de Artesanos en 1847 e a súa orquestra coa que debuta o neno Sarasate, a Coral Polifónica El Eco en 1882. E, ata hoxe, unha Sociedad Filarmónica que nace en 1904 e tamén crea orquestra, a pioneira Amigos de la Ópera, e o monumento sonoro que ven sendo, en parangón coa Torre de Hércules, a Orquestra Sinfónica de Galicia, creada en 1992.

Xa que logo, no devandito discurso, se solicitaba do Instituto, do Concello e da OSG (presentes alí o alcalde, o concelleiro de cultura e o xerente da orquestra), que esta atenda o compromiso de estrear a Cantata Torre de Hércules. Desde o Instituto de Estudios Torre de Hércules, que presidía o recordado Manito Iglesias, e do que eu era responsable da sección de cultura, propuxen a creación dunha cantata que falara da Torre herculina para contribuír á campaña de declaración de Patrimonio da Humanidade (tiven tamén apalabrado a Xerardo Rodríguez, do Xacobeo, para traer aos Rolling Stones ao pe do monumento; o concello coruñés botouse atrás), e quedase como logro creativo e cultural para a posteridade.

Conseguiuse que a Deputación coruñesa convocase concurso internacional, dotado con 12.000 euros. A convocatoria foi publicada en xornais e revistas internacionais para espallar urbi et orbe a proposta e, sobre todo, o monumento. O xurado estaba formado por Víctor Pablo, director da OSG, Alberto Zedda, director do Festival Rossini de Pesaro e do Festival Mozart da Coruña, Juan Antonio Sainz Alfaro, director do Orfeón Donostiarra e o esgrevio creador Antón García Abril. Buscábase a mirada sabia de dous directores de orquestra, o do coro máis prestixioso do mundo e o complemento dun compositor como García Abril.

Sinalaron gañadora a cantata titulada Cantata Torre de Hércules, con texto do profesor Xosé María Paz Gago e música de compositor vasco Tomás Aragüés, para soprano, contralto, barítono, coro e orquestra. A OSG tiña o compromiso de estreala e non o fixo. A Torre foi declarada Patrimonio da Humanidade en 2009. O próximo ano cumpriranse 10 de tan sinalado feito. Por tal razón este novo membro do Instituto Cornide e o propio Instituto demandan da OSG e do Concello a estrea da obra.

Asemade, o propio neófito, quen aquí subscribe, en virtude do seu coñecemento esencial e admirativo da figura do esgrevio coruñés Ramiro Cartelle, músico, escritor, humanista, fondo amador da cultura de Galicia, pediu tamén un recoñecemento público da súa cidade para un home, ademais de sabio, bo e xeneroso. Recoñemento que debería ter como corolario a dedicación dunha rúa co seu nome. E desde aquí, para a Comisión de Honores e Distincións, sinalo unha: a rúa Agar, sita xusto diante da vella galería, fronte ao Teatro Rosalía, na que Ramiro impartía clases de músicos a moitos e aplicados mociños coruñeses.