Antonio Tizón, xornalista e escritor: «Todas as cidades teñen o seu lado enfermizo»

Melissa Orozco / C.A A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O escritor Antonio Tizón na Casa Saqués, un dos escenarios da novela «Os incurábeis» que se desenvolve no barrio dos Castros.
O escritor Antonio Tizón na Casa Saqués, un dos escenarios da novela «Os incurábeis» que se desenvolve no barrio dos Castros. ANGEL MANSO

O escritor presentará a súa novela máis recente «Os incurábeis» na biblioteca do Fórum Metropolitano

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escrita de Antonio Tizón expón unha das facetas máis reveladoras do ser humano: a loucura. Aínda que nunca se considerou un autor de autoaxuda, a súa obra mostra unha gran alternativa para abordar as enfermidades mentais. Sen descoidar a trama, utiliza os mellores elementos do xénero negro para falar do que lle interesa. Súa derradeira novela Os incurábeis mestura a intriga coa falta de cordura dos seus personaxes.

A obra literaria presentarase na biblioteca do Fórum Metropolitano ás 19:00 horas. O escritor estará xunto con Fran Alonso, Benito Arbaizar, Henrique Sanfiz y Eugenia Santamartín. A editorial Xerais e a asociación veciñal Oza, Gaiteira, Os Castros organizaron o acto. 

—Na novela trata unha temática delicada como as enfermidades mentais a través do xénero negro, por que se decidiu por esa combinación?

—Tardei moito tempo en dar con ela e tirei moitos folios á papeleira, por iso tardei tantos anos en escribir a primeira novela da serie, A antesala luminosa. Dende o principio tiña clara a temática fundamental, a loucura, pero non vía clara a estrutura, a mellor forma de abordala. Ata que se me ocorreu facelo en clave de xénero negro, e utilizando moitos dos seus estereotipos habituais, un crime, unha investigación, unha intriga, un policía corrupto. Por que? Porque é unha forma lixeira, entretida, amena, de abordar un tema tan árido, tan desagradable, sobre o que a xente prefire tapar os ollos e non enfrontarse a unha realidade dura, difícil de soportar. Utilizo, por tanto, o xénero negro como pretexto para falar con rigor dos temas que a min me interesan; entre eles, o da enfermidade mental.

—De onde nace o interese por abordar as enfermidades mentais na súa obra literaria?

—Dun intento de descifrar as súas causas e as súas consecuencias; en última instancia, de descifrar o seu misterio. Porque, aínda a estas alturas, é tanto o que sabemos como o que descoñecemos. E naceu tamén dun intento de descifrarme a min mesmo e a miña propia enfermidade. Porque eu padezo un trastorno bipolar. Naceu, polo tanto, dun interese persoal e social. Pero tamén literario. Porque as miñas novelas son literatura, non manuais de psiquiatría nin de autoaxuda. Aínda que cada vez estou máis convencido de que a literatura, a arte, en xeral, pode ser tan eficaz como calquera tipo de ciencia, a psiquiatría, a historia, a socioloxía, etc, para descifrar con eficacia a realidade, sexa sociolóxica, histórica, política ou patolóxica.

—Pódese considerar que a novela intenta romper co estereotipo de que as persoas con enfermidade mental son violentas?

—É un dos seus obxectivos, hai referencias expresas a este estereotipo, tamén hai datos manexados por profesionais que demostran que, proporcionalmente, as chamadas persoas normais son máis violentas que as que padecen algún tipo de trastorno mental.

—A Coruña é unha cidade enferma?

—Tan enferma e san como calquera outra do seu entorno. Todas as cidades teñen o seu lado enfermizo, escuro e tenebroso, pero tamén luminoso e gratificante. Loxicamente, nas miñas novelas, por condicionantes temáticas e formais, destaco máis os primeiros aspectos.

—No libro, un dos detonantes é o asasinato de Paloma Bieito, a propietaria do prostíbulo do barrio, como abordas a violencia de xénero na novela?

—Ademais da enfermidade mental, a corrupción política, social e individual, a impunidade do poder fronte ao crime ou a abundancia gastronómica, a violencia de xénero é un dos temas fundamentais da novela. Abundan os homes machistas, fascistas, violentos, e as mulleres maltratadas, como as de Rocha ou de Iván, pero tamén hai mulleres empoderadas, independentes, que non admiten ningún tipo de agresión, nin física nin verbal, e que ademais son personaxes reais, como Mercedes, a do bar Rico, ou Margarita de Santiago, a daquela presidenta da Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros.

Os Incurábeis ten o barrio dos Castros como microcosmos narrativo, por que a elección?

—Porque e o meu barrio de toda a vida, un barrio tan peculiar, tan local como universal, podía ser calquera outro barrio da cidade ou do noso entorno.

—Tamén afonda no 11-S e no concepto de guerra preventiva.

—Todas as miñas novelas teñen un marco histórico e un punto de partida; neste caso, o 11-S e as súas consecuencias; en especial, ese concepto de guerra preventiva que tantos desastres ocasionou. Que pasaría se aplicásemos ese concepto a outros ámbitos da vida e da sociedade, ao mundo da psiquiatría, por exemplo?

—A súa condición de periodista condicionou a forma de escribir a novela? Ten moitos toques de realidade.

—Todas as miñas novelas son unha mestura de realidade e ficción, de autobiografía e imaxinación. E en todas hai moitos personaxes reais, con nomes auténticos, e os lugares son tamén case todos reais, aínda que podo permitirme algunhas licencias, como chamarlle San Epitafio a Aranga, a miña vila, ou inventarme un bar de jazz; neste caso, o Casablanca, o único inventado dos case corenta que aparecen na novela.

—Como foi a adaptación da obra á radionovela que se emite actualmente en Radio Fene e en outras emisoras municipais?

—Gratificante, pero problemático, porque son linguaxes distintas e formas de traballar diferentes. Unha novela é un traballo individual, solitario, e un podcast é un traballo en equipo; sobre todo, neste caso, no que participei como guionista, actor e mediador entre o equipo técnico e artístico, formado por máis de 50 persoas, onde os conflitos son inevitábeis. Pero estou moi contento co resultado final do proxecto, tanto pola orixinalidade dunha adaptación deste tipo, a primeira que se realiza no sistema editorial galego no xénero da novela, como pola profesionalidade de todo o equipo dirixido por Eugenia Sanmartín. Quero destacar tamén a banda sonora de Antón Ramos e as colaboracións desinteresadas de tanta xente, como as de Miro Casabella, Juan Carlos Díaz del Valle, Cándido Barral, Isabel Bravo e actrices e actores non profesionais, persoas todas entusiastas relacionadas ou non con grupos de teatro afeccionado. E, por suposto, o meu agradecemento a Henrique Sanfiz, o cerebro visíbel e invisíbel de todo o proceso de adaptación deste proxecto multimedia.