O profesor da USC Samuel Nión Álvarez explica a importancia do castro coruñés
26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A escasos meses de cumprir o 75.º aniversario da primeira escavación no castro de Elviña, agocha certo simbolismo que lembremos un anaco do noso pasado nun medio que, habitualmente, adoita mirar cara o presente. Para un investigador, afeito a espallar as súas ideas en longos e aburridos textos, resulta difícil reducir en 3.000 escasos caracteres toda a información relativa ao castro. Imos intentar, non obstante, debullar algunhas das súas características máis representativas:
Un primeiro aspecto que sorprende de Elviña é a súa monumentalidade. Ademais dun sistema defensivo ciclópeo con varios torreóns, a presenza dun pozo-alxibe, estruturas de drenaxe ou, incluso, grandes edificios de carácter colectivo (quizais tamén relixioso) son elementos sintomáticos dunha estruturación social máis complexa do habitual, que non se aprecia na meirande parte dos castros galegos.
Un segundo aspecto é a existencia dunha significativa relación co mundo mediterráneo, especialmente os pobos que habitaban a Bética. Dende o século III a.C., existen numerosos indicios materiais e construtivos que manifestan a existencia dunha intensa interacción comercial e cultural entre os nativos de Elviña e os navegantes mediterráneos. Esta implicaría mesmo a construción do edificio dos betilos, de notable influencia cultural mediterránea, pero de factura local, que se interpreta como un espazo «neutral», que permitiría o intercambio de mercadorías entre ambas comunidades. As últimas investigacións indican que este vínculo desaparece ao longo do I a.C., sen que sexa recuperado ata a estruturación do asentamento romano de Brigantium na seguinte centuria.
Estes dous puntos converxen nun terceiro aspecto: a estruturación de Elviña como un centro neurálxico, un poboado con maior capacidade de influencia nas comunidades da contorna. Investigacións recentes indican que os procesos que implicaron o seu gran desenvolvemento como poboado aconteceron nas dúas últimas centurias antes da nosa era. Cómpre lembrar que, durante este período, este tipo de asentamentos complexos xorden en distintas zonas de Europa, sendo posiblemente representativos dun aumento na xerarquización social interna.
En definitiva, e afastado de localismos, non teño dúbidas en afirmar que o castro de Elviña é un xacemento singular, no que converxen dinámicas sociais pouco habituais nunha rexión habitualmente considerada como «atrasada». Pero non só debemos preocuparnos da súa vida pasada, senón do seu futuro, pois o castro segue vivo a través de todos aqueles que lle dedicamos algún minuto do noso tempo, xa sexa realizando unha escavación, tramitando informes para conservalo, limpando a vexetación da súa contorna ou, simplemente, acudindo de visita. Que este breve texto sirva para animar a continuar co traballo e para lembrar que o esforzo de centos de profesionais sempre debe redundar na comunidade, pois o patrimonio é de todos, e para todos debe seguir sendo.
Samuel Nión Álvarez é doutor en Historia e profesor da Universidade de Santiago