Ángel Arcay, director del Anuario brigantino: «Publicamos un traballo de deportados betanceiros nos campos nazis»
A CORUÑA
Fai unha aposta polos novos investigadores e artigos singulares
08 ene 2023 . Actualizado a las 23:10 h.Ángel Arcay Barral (Betanzos, 1988) presentará, coa participación do escritor e xornalista Xesús Fraga, o venres, ás 20.30 horas, o Anuario brigantino na Aula de Cultura Xulio Cuns, unha publicación senlleira, que recolle traballos sobre a historia, a arte, a arqueoloxía ou a arquitectura da cidade.
—Estréase como responsable da publicación.
—Si, comecei como arquiveiro este verán e o Anuario ten uns prazos marcados, que é que ata marzo pódense remitir artigos orixinais e en setembro ou outubro preséntase, pero co cambio estiramos o prazo. Queriamos presentalo en 2022, porque é do ano previo, de 2021 neste caso, pero ao ir apurados queda para o venres 13.
—Que número fai?
—0 44, leva agora editándose 40 anos seguidos. Houbo os tres primeiros que fixo Vales Villamarín en 1948, 1950 e 1951, despois volveuno editar en 81, hai un ano intermedio no que o dirixen outras persoas e a partir de 1983 ata o 2020 xa se encarga Alfredo Erias, cando ocupa a dirección do Museo das Mariñas. Agora tócame a min.
—Segue a liña dos anteriores.
—Hai algún cambio, xa o hai na portada, as anteriores as deseñaba Alfredo e tirei dunha ilustradora que fixo un traballo sobre a Diana Cazadora do Campo, e xa non hai división de artigos por apartados, van todos de corrido. A maiores, coma todos os anos, vai a memoria de actividades das asociacións de Betanzos e os acontecementos do ano.
—Dos traballos que destacaría?
—O 80 % dos artigos son de temática betanceira, e os que non o son, de persoas que teñen unha liña investigadora que toca a cidade. Gustábame primar iso e a incorporación de novos investigadores, porque agora na universidade cos traballos finais de grado ou de mestrado fan unha introdución á pescuda para xente que está estudando e os obriga a vir aos arquivos ou aos museos a buscar información. A raíz diso sacamos publicacións interesantes, como a duns rapaces da USC que falan de deportados betanceiros nos campos de exterminio nazis ou unha parte arqueolóxica centrada na contorna, Coirós e Paderne. Son artigos variados, pero interesantes para quen queira lelos.
—Cantas colaboracións tiveron?
—Publícanse 19 artigos, máis as palabras do presentador do ano anterior e, neste caso, como coincidiu coa despedida de Alfredo vai un texto no que repasa a súa biografía. A maiores quedaron fóra uns dez artigos. Ao final hai un consello científico que decide escoller por calidade ou temática. Sae un artigo da Virxe do Sar de Conxo, un estudo de Carmen Manso sobre este tipo de virxes en toda España, inédito. Que saian cuestións deste tipo de personalidades, con cargos relevantes na universidade ou na Academia da Historia, considero que enriquecen o Anuario.
—Vostede publica?
—Un artigo de antes de ser director. Estivera traballando, cunha subvención da Xunta, no Arquivo sobre as obras que facían os veciños de Betanzos entre os anos 30 e 60, pódese ver a evolución urbana e moitos comercios que se fan nesa época e edificios singulares.