Ángel Arcay, arquiveiro de Betanzos: «O traballo de Erias fixo que a súa praza xerara cobiza»

BETANZOS

Arcay Barral, no claustro do convento, onde está o Museo das Mariñas, a biblioteca e o Arquivo de Betanzos.
Arcay Barral, no claustro do convento, onde está o Museo das Mariñas, a biblioteca e o Arquivo de Betanzos. -

Destaca as posibilidades divulgativas dun posto no que se asume tamén a dirección do Museo das Mariñas e da biblioteca 

11 ago 2022 . Actualizado a las 17:32 h.

Ángel Arcay Barral (Betanzos, 1988), ligado a investigación e defensa do parque do Pasatempo, acaba de acadar a praza de arquiveiro.

—A que se debe que o posto de arquiveiro teña tanta relevancia en Betanzos?

—Aquí a denominación da praza é dirección de biblioteca, arquivo e Museo das Mariñas, e iso leva incorporado tamén o Anuario Brigantino. É unha praza a nivel cultural que ten moita importancia. Alfredo Erias, que foi o director anterior, fixo un traballo de investigación do pasado da cidade que no estaba feito e moitos artigos e investigacións que sentaron as bases para que agora a súa praza xerara cobiza e fose tan importante.

—Contento, entón, co nomeamento?

—Si, son de Betanzos, estudei Historia, que tampouco é a carreira con máis opcións laborais do mundo, especialiceime en arquivos, que tampouco é onde máis traballo hai, pero ao final sempre traballei nisto. Xusto estaba de arquiveiro municipal en Santiago cando saíu esta praza e me puxen a preparala. Aquí ten o aliciente que tamén está o posto da biblioteca que é un campo que me gusta moito, sobre todo a promoción da lectura cos pequenos, e tamén o Museo, que da pé a facer moitas cousas, porque hai fondos moi diversos, que permiten explicar a historia da cidade e da comarca. É unha pequena xoia que temos aí.

—Que resaltaría dos fondos?

—Este arquivo é singular porque non é o típico arquivo municipal de documentación administrativa, ten moita documentación histórica, que grazas sobre todo a Erias, a Xosé María Veiga e a outros estudosos de Betanzos se puido ir salvando. Ten moita documentación privada, de familias e persoeiros de Betanzos que foron depositando os seus arquivos. Temos información dos García Naveira, as partituras do compositor López García- Picos... Iso permite estudar a historia da cidade dende un montón de puntos de vista e non o teñen en todos os sitios.

—Cal vai ser a súa liña de traballo?

—Véxome máis que como un erudito, como é Erias, como un intermediario entre os bens e o patrimonio e a persoa que ven a acceder a eles. No traballo que fixen co Pasatempo ou en asociacións sempre me caractericei por saber onde estaban os recursos e poñelos a man de investigadores ou de xente interesada neles.

—Queda algo por descubrir?

—No arquivo está todo catalogado, aínda que non se publicara ou investigara sobre todo. Xa se sabe, máis ou menos, todo o que hai. Vai saír este ano o Anuario Brigantino con algunha novidade ao respecto de investigacións que estaban feitas, pero das que non se tiña consultado toda a investigación. Tamén se poden sacar á luz os fondos que nos deposita a xente.

—E o Museo?

—O seu problema é que ten un horario moi limitado, porque ao final somos poucos de persoal. Esa é a principal eiva. Hai pé para potencialo de distintas maneiras, dende visitas guiadas que xa se facían dende Turismo, a exposicións facendo rotar os fondos para que a xente vaia vendo cousas novas. Hai un almacén do museo con moito material e teríamos que buscar a fórmula para dar a coñecer pouco a pouco as coleccións agochadas.

—Entendo que era un dos asiduos?

—Si, formaba parte do comité que redactaba o Anuario Brigantino e dende os Amigos do Pasatempo tiñamos unha revista de investigación, a Casa dos Espellos, que potenciaba o estudo local. Consultabamos temas no arquivo constantemente e na biblioteca, sacando o instituto e a miña casa, é o lugar onde máis tempo pasei.

—Segue ligado ao Pasatempo?

—Estamos coa presentación do plan director, formei parte do equipo de historiadores na súa redacción. As obras son moi esperanzadoras, teño a ilusión de que pronto se poda volver a entrar.