A RAG publica as cartas entre Fernández del Riego e Otero Pedrayo co gallo das Letras Galegas

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

Una biografía teatralizada, unha curtametraxe e un documental sobre o intelectual de Lourenzá compoñen o programa do 17 de maio presentado este martes na Coruña

09 feb 2023 . Actualizado a las 18:06 h.

A festa comezará o 6 de marzo coa presentación da biografía teatralizada para nenos e rematará no outono co simposio científico sobre o que deixou Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), editor, ensaísta e crítico literario homenaxeado nas Letras Galegas 2023. «Don Paco foi un activista do galeguismo cultural incansable pero destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galicia da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu», salientou este martes o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, na presentación do programa das Letras, canda Henrique Monteagudo e Fina Casalderrey.

MARCOS MÍGUEZ

Dese home de acción que xogou un papel determinante para conectar a uns e outros falan as relacións epistolares que mantivo con intelectuais cimeiros durante a súa vida e que hoxe constitúen «unha crónica da resistencia galeguista da posguerra dun valor incalculable», afirma a Academia. Xa editadas están as cartas cos seus amigos Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Xosé Neira Vilas, e agora verá a luz a correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, un compendio de 450 cartas custodiadas na Fundación Penzol, 100 delas escritas por Del Riego desde finais da década dos 40 ata mediados dos 70 do século pasado. «Otero presidía Galaxia. Del Riego puña en marcha a editorial e dirixía a revista Grial, era o referente para todos os contactos do galeguismo no mundo. Había entre eles unha sintonía que tiña tamén que ver con certo carácter gastrónomo que dos dous compartían», explicou Henrique Monteagudo, que situou «á volta do verán» a data de lanzamento da publicación, ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero.

Os pícaros da montaña luguesa coñecerán antes, os que non a coñecen xa, a biografía de Del Riego, contada por Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, e a ilustradora Lucía Cobo. As cousas de don Paco é un percorrido teatralizado pola vida do intelectual a través dos obxectos que sempre o acompañaron. «As lentes, a máquina de escribir, o lapis ou o reloxo que lle regalara Evelina co que era tan puntual», sinalou Fina Casalderrey da obra que se presentará o 6 de marzo no colexio Juan Rey de Lourenzá, no marco do programa Primavera das Letras, inaugurado o ano pasado con Ledicia Costas e Blanca Millán, e destinado a nenos de Infantil e Primaria. O acto concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, baseada nunha idea orixinal de Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas.