
Luis García Rodríguez, impulsor da Academia Juan Flórez e da Fundación Ronsel, finou na Coruña ós 85 anos
25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Eran os anos 71 e 72, eu tiña 20, e cursaba estudos na Escola Profesional de Comercio. O nome de Luis García Rodríguez, para moitos daquela xeración, irá sempre unido non só á nosa memoria sentimental, senón moi directamente ás nosas vidas. Luís impartía clases de Contabilidade no Colexio Vázquez, unha institución decisiva na vida de Monte Alto, na rúa Orillamar, unha das arterias urbanas principais do barrio, converténdose en referencia imprescindíbel para ese período a través dunha forma de traballar rigorosa e eficaz. Luis traballaba en Fenosa, vivía na rúa San Vicente de Paúl e era un apaixonado dos deportes, aínda que con especial preferencia polo fútbol. Un home que nunca perdía o sentido do humor nin que exaxeraba os seus propios méritos. Membro de honor do sempre selecto e histórico club Orillamar, xunto a nomes ilustres como Manolo Granda e Orlando Vázquez, soubo sacar partido a súa afección polos deportes que compaxinaba coa súa familia e os amigos. Na época dourada do fútbol sala coruñés, co pavillón dos Salesianos como escenario, a Academia Juan Flórez protagonizou grandes momentos. Ambicioso e intelixente, veu que o futuro, cheo de posibilidades, estaba alí, diante, para converterse en empresario. Creou a Academia Juan Flórez, cunha traxectoria biográfica e profesional claramente marcada polo bo facer e pola paixón que sempre imprimiu ao seu traballo e que máis tarde ampliou coa Fundación Ronsel. Sempre acadando obxectivos que o afianzaran como un traballador incansábel.
Nos primeiros momentos da pandemia non había un minuto para que estivera parado. Saía todos os días a patear o asfalto do paseo marítimo. Coincidimos varias veces e comentoume as dificultades de saúde que atravesaba. Máis delgado, pero esperanzado. O mesmo Luis de sempre, xesto imperturbábel e un leve sorriso. Era habitual localizalo na cafetería Miss Maruja, en Zalaeta, preto da súa vivenda. Tanta paz leve como entusiasmo e bondade deixou neste mundo.